Os turcos din: “Hai tres clases de persoas: as boas persoas, as malas persoas e os taxistas”. Isto sóubeno mais tarde, pero xa experimentara o dito en carnes propias cando o escoitei. A miña breve visita a Estambul comezou cunha carreira demencial a 140 kilómetros por hora polo medio da cidade, con banda sonora de tecno turco (?), en parte polo arcén, en parte pola beirarrúa e en parte marcha atrás, que segundo comprobei, é o xeito local de entender o sinal que nós coñecemos como direción prohibida. Mentres, o taxista non deixaba de repetirme “no problem, lady” que era o único que sabía dicir en inglés, ao ver que eu trataba desesperadamente de poñer o cinto de seguridade, que non existía, dando tumbos polo asento traseiro.

Estambul é unha cidade peculiar, á vez totalmente e en absoluto europea, aínda que sexa difícil de entender sen estar alí. Da sensación de que poderías vivir anos nela e aínda así non rematarías de coñecela ben. Pero como se coñece realmente unha cidade é indo aos bares, así que aló nos fumos, a primeira noite, o selecto grupo das aves nocturnas, a un garito que alguén lle recomendara a alguén por algún motivo, e que resultou ser o Sah Bar, un sitio impresionante en Sultanhamet, con terrazas, apartados, bodegas e toda unha serie de recunchos marabillosos, con bastante xente incluso un martes en pleno Ramadán.

O gato da casa decidiu que eu era o mais cómodo do sofá e alí se apalancou, sen nen sequera preguntar, dando por feito que se estaba alí era para acariñalo a el, faltaría mais.  E non sei como, rematamos explicándolle a nosa visión do conflicto vasco a un australiano e ao dono do bar, falando de feminismo e de se Turquía debía ou non entrar na Unión Europea, cantándolle ao australiano o happy birthday, versión de Louis Armstrong, e o dono sacounos unha botella de viño ao parecer carísima porque si, porque nós o valemos, e porque as mozas eramos beautiful de todo e o rapaz que viña con nós un very lucky guy, e ao final déronnos as tantas e nin Alá conseguiu erguerse para ir ao congreso ao día seguinte. Iso si, prométemoslles a Dean e a Onur que iamos voltar polo Sah Bar a próxima vez que vaiamos a Estambul. Así que agora non me queda mais remedio que volver. Unha promesa é unha promesa.