Ás veces, coñecer demasiado das persoas ás que se admira non é boa idea. Hai pouco, alguén que me coñece moi ben, regaloume “Rebel at Work”, unha banda deseñada sobre Chet Baker que resultou fermosa e desacougante a partes iguais. O debuxo é duro e crúo, e non ignora unha soa enruga das que acumulou Baker nos seus últimos anos.  O texto resultoume case tan despiadado como o  debuxo, a pesar de que xa lera “Deep in a Dream”, a biografía de James Gavin que non deixa títere con cabeza. A vida de Chet semella unha sucesión ininterrompida de picos, mozas e desfalcos para conseguir mais picos, e nos descansos algo de jazz. Aínda que resulte un tanto superficial, unha das cousas que mais me fascina da historia de Baker é a incrible degradación que sufriu a súa imaxe ao longo da súa vida. De James Dean a morto vivinte en vinte anos.

Tanto no cómic como no libro, a imaxe persoal que se da sobre Chet é a dunha persoa á que era mellor non achegarse demasiado. Da a sensación de que utilizou ou tratou de estafar a case todos os que tiveron trato con el, ademais de maltratar a todos os niveis posibles (incluíndo empurralas conscientemente cara á adicción) ás súas sucesivas parellas.

O misterio é por que semella que todos volvían caer unha e outra vez, parellas e amigos, en tratar de axudalo e expoñerse de novo a ser traizoados, cando xa tiveran probas dabondo do que ía ocorrer. Supoño que ese é o magnetismo inexplicable do que todo o mundo fala cando fala de Chet Baker. O que me fai ilustrar este post con esta foto, cando podería poñer esta outra.