Entries tagged with “Ciencia”.


Cando dubides, lembra que estás a empregar ecuacións relativistas para atopar esa rúa co GPS. A física moderna é dura, pero é ciencia. A cúantica é como o sushi, non vale para calquera padal, pero iso non quere dicir que non sexa exquisita. O colidor de hadróns non destruíu o planeta, pero serviu para atopar partículas que predicía a teoría de cordas, mentres as vacas suízas pastan sobre el. Que ti ou eu non coñezamos algo non quere dicir que sexa descoñecido.

A enorme obra de Basilio Lourenço Paradigma e tempo na física teórica, trata de como a física se converte en mitofísica despois dos anos 30 do pasado século, afastándose cada vez máis da realidade, e converténdose nun eido de ideas atoladas que comparten catro iluminados no CERN, sen que cheguen de ningún xeito ao resto da sociedade.

En primeiro lugar, celebro que se publique ensaio en galego, sobre todo se é ensaio sobre ciencia en galego. Digo sobre ciencia e non científico porque o autor renuncia dende a primeira páxina a calquera pretensión de falar sobre o desenvolvemento real da física actual. Tema, por outra banda, tan apaixonante como complicado, se non se é físico. Pola contra, decide falar sobre o paradigma científico, entendendo por tal o conxunto de ideas sobre as que pivota a ciencia actual, e en concreto a física.

Cando alguén di que vai falar sobre as ideas sobre as que funciona a ciencia bótome a tremer, porque a pesar de que son poucas e sinxelas (observación, hipótese, experimentación, comprobación, refutación ou confirmación) parece que todo o mundo teima en empregar conceptos tirados da filosofía clásica que se tratan de encaixar á forza nun tema que non lles é propio, con resultados desafortunados. Neste caso os que aparecen son democrático, intuitivo, elitista, materialismo, e o achado xenial, mitofísica.

A idea central da obra foi enunciada mil veces, pero como toda mentira, non por repetila mil veces se converte nunha verdade: a ciencia é un relato, unha forma mitolóxica de explicación do universo, propias das sociedades occidentais, que ocupa o mesmo lugar que outros mitos da creación noutros tempos e culturas. Neste caso, aplicado á rama da ciencia por excelencia, a física. Porén, en filosofía, pode que partir dunha premisa e desenvolvela sexa un xeito válido de argumentar, pero en ciencia a premisa é o primeiro que debe ser demostrado. Este argumento parte dunha serie de premisas profundamente erradas, polo que nada do fío argumental posterior pode ser correcto:

1. A ciencia non é democrática, e cada vez éo menos, polo que se volve menos verdadeira. Neste caso, a primeira parte do enunciado si é verdadeira: a ciencia non é democrática. Non se vota por maioría o que se acepta ou o que non, e se se empata non se vai a unha segunda volta. En ciencia acéptase aquilo que se demostra, entendendo por demostrar que unha tese é coherente coas observacións realizadas e que é capaz de realizar predicións de como se comportará un determinado acontecemento,experimento, etc. Por outra banda, non é democrática porque acadamos un nivel de especialización tal que é moi difícil que unha persoa sen formación específica nunha materia achegue algo de valor a esta. Neste sentido, a era do científico amateur rematou, para ben ou para mal. Por outra banda, polo menos en Europa, non é necesario un poder económico desmedido para cursar unha carreira científico-técnica, e vivimos no momento no que hai máis científicos vivos que o total dos que existiron na historia ata o momento. Se a democracia ten algo que ver coa cantidade, a ciencia é agora, non máis democrática, pero si máis accesible que nunca.

2. O coñecemento debe ser intuitivo, debe coincidir co que experimentamos na nosa vida cotiá. Como dixen, a era do científico aficionado rematou. A teoría da evolución ou a física newtoniana son intuitivas, a relatividade e a cúantica non o son. A natureza non está aí para que nós a comprendamos. Os nosos sentidos están deseñados pola evolución para sobrevivir no mundo do macroscópico, a escala do moi grande ou do moi pequeno moitas veces resulta anti-intuitiva, porque non contamos con instrumentos axeitados para percibila.

3. A física contemporánea é mitofísica porque forma un corpus de ideas pechado sobre si mesmo que non se corresponde con nada do existente na realidade. Erro. A física dos últimos cincuenta anos forneceu teorías extravagantes que despois foron comprobadas experimentalmente, baste poñer como exemplo os cuasicristais, sólidos de máis de tres dimensións (Nobel de química 2011 para Daniel Shechtman) ou o bosón de Higgs (Nobel de Física 2013 para Peter Higgs). De feito, a física actual puido comprobar experimentalmente teorías enunciadas hai varias décadas, cando os medios técnicos non era suficientes para deseñar os experimentos axeitados, pero os físicos xa chegaran aos desenvolvementos matemáticos que os demostraban. Dada a repercusión mediática do CERN e do descubrimento do bosón, resulta difícil non estar ao tanto das probas, así que só quedan dúas posibilidades: ou ben non se lles dá creto ou ben non se comprende o seu calado real.

Como isto vai para longo e estamos aínda comezando o ano, emplázovos para a segunda parte deste post, se queredes saber como remata. Igual inclúo un final trepidante con xiros inesperados de guión e un botón vermello que hai que pulsar cada 42 segundos…

Science

E aínda así, con coidado. Hai uns días, alguén fíxome notar que nunca escribira no blog sobre a enfermidade mental. En concreto, sobre as bases biolóxicas da esquizofrenia, que tanto están dando que falar ultimamente. “Ben, nunca escribín porque é algo obvio, non?”, contestei. Pois parece que non. Facendo memoria, ocórrenseme varios exemplos de libros ou artigos deste ano que continúan a repetir teses dos anos setenta.

A min gústame o retro como a que máis. Gústame Jane Austen, Sherlock Holmes, os chalecos, as chisteras e os reloxos de peto. O stempunk e Dickens. Mola. Pero en ciencia, o antigo non só non é mellor senón que é claramente peor. Mal. Caca. Non podes citar un traballo de hai corenta anos e quedar tan ancha/ancho. Por que? Porque todo avanza a un ritmo absolutamente vertixinoso, e corenta anos noutro eido poden non ser moito, pero no coñecemento científico e máis ou menos como se falas da teoría dos humores.

Explícome: non é que o coñecemento acadado no pasado non teña valor (a teoría da Evolución enunciouse hai máis de cen anos e aí está) pero cada década trae tal avalancha de novos datos que é moi probable que sexa inexacto ou que xa estea superado. Se non é así, perfecto, nese caso haberá novos datos que o confirmen.

No caso concreto da enfermidade mental grave (esquizofrenia, trastorno bipolar, trastornos do espectro autista…) o grande salto foi o Proxecto Xenoma Humano. Dende entón, nada volveu ser o mesmo, e ideas que previamente eran só hipóteses, contrapostas a outras hipóteses diferentes, acharon confirmación. Centrándonos na esquizofrenia, existen un conxunto de xenes implicados na súa xénese, cun patrón de herdanza probablemente multixénica (con multitude de xenes implicados, como a diabetes ou o Alzheimer, por exemplo) dos que aínda non coñecemos en profundidade o seu funcionamento. Pero que existan lagoas no coñecemento científico non significa que non saibamos nada. Sabemos que existe unha base xenética, que está afectado o neurodesenvolvemento e que se herda. Xa é moito saber!

Porén, continúan repetíndose unha e mil veces ideas tomadas do movemento da antipsiquiatría, como que os afectos destas enfermidades son en realidade disidentes sociais, persoas que sinxelamente non encaixan na norma social dominante, pero que non lles pasa nada. Non lles pasa nada no cerebro, implicitamente. Vaia por diante o meu respecto ao que significou a antipsiquiatría (moitos deles psiquiatras en exercicio) como movemento en favor dos dereitos dos pacientes, da súa dignidade e da súa integración social. As bases morais das que parten son completamente defendibles tamén hoxe en día, pero as bases científicas estaban erradas. Non pasa nada, isto é ciencia, a xente equivócase, recoñéceo e sigue adiante. Pero neste caso concreto, as teses da antipsiquiatría deron o salto ao terreo da filosofía e do pensamento, e foron defendidas por autores multicitados, especialmente Foucault e Lacan. Ambos son fillos do seu tempo, e fan de altofalante ás ideas preponderantes na súa época, pero a súa época, por sorte, non é a nosa. Polo tanto, citar a Foucault para defender a orixe social da esquizofrenia é un completo anacronismo, o equivalente a citar a Tales de Mileto para defender que todo é auga.

Por que se repite unha e outra vez neste erro? A miña impresión é que os científicos pasamos mil de Foucault, en liñas xerais, e os humanistas non len Science. Unha vez máis, o desinterese noutras disciplinas que non sexan a propia xera monstros conceptuais. Que os científicos non lean filosofía é un problema grave, como defende razoablemente Mario Bunge, entre outros, pero non é menos grave que para escribir un traballo filosófico no que se vai facer mención á esquizofrenia a ninguén se lle ocorra a extravagante idea de mirar a ver que teñen que dicir as neurociencias ao respecto, e fique unicamente coa idea preponderante da filosofía de hai corenta anos.

Dende o post anterior deume por pensar en como a ciencia ficción pode describir e criticar mellor a realidade que outros xéneros literarios, ou polo menos esa é a sensación que sempre teño. A necesidade de ir sempre un chisco por diante do presente, a relación intensa coa tecnoloxía ou o coñecemento de teorías científicas de vangarda que moitas veces forman parte do traballo dun escritor (bo) de ciencia ficción pero non dos escritores doutros xéneros, fan que teñan unha visión moito máis axustada da realidade e poidan facer predicións bastante asombrosas (hai pouco que se descubriron, polo menos a nivel teórico, as famosas “ecuacións de curvatura” de Star Trek, que permitirían viaxar máis rápido que a luz mediante unha trampa relativista. Así, por exemplo).

Algo tarde, seino, pero hoxe estiven vendo a entrevista de Galiza Ano Cero con Boaventura de Sousa, que me tivo enganchada a hora e media que dura e que me fixo recuperar a fe na cultura galega e no audiovisual do país. Nela, de Sousa fai unha análise sobre a actual situación social e a dificultade da esquerda para reaxir ante o retroceso dos dereitos e o ataque do capitalismo que das máis lúcidas que tiven oportunidade de escoitar. Porén, cara ao final fai unha reflexión sobre a necesidade de non confiar só no discurso da ciencia e no coñecemento científico, se non tamén no “coñecemento popular”, que me fixo revolverme incómoda na cadeira.

Hai uns meses vin unha peli de ciencia ficción rarísima titulada “The Darkest Hour”, unha nova versión da mil veces temida e fantaseada invasión alien. A pesar de ser bastante tremenda dende o punto de vista de xénero (as dúas protagonistas femininas basicamente estorban, fan puntos para que os maten a todos e non posúen nin o máis mínimo coñecemento ou habilidade que poda resultar útil) dende a perspectiva científica debuxa un panorama interesante, porque parte dunha premisa diferente doutros filmes postapocalítpicos tipo “Mad Max”: por moi enorme que sexa o desastre, o coñecemento non se perde. Non se perde porque está en todos e todas nós, porque aínda que non teñamos un dato concreto sabemos que existe e como atopalo, e porque sabemos que as cousas funcionan dun determinado xeito predicible e lóxico. A humanidade, no seu conxunto, pasou da etapa do pensamento máxico-relixioso á do pensamento científico. No filme, os extraterrestres son uns seres constituídos por enerxía que se alimentan da rede eléctrica, e posteriormente da propia enerxía eléctrica humana, e aniquilan á maior parte da poboación nos cinco primeiros minutos. Pero isto non dá paso a un escenario no que se perde calquera vestixio de civilización, senón a un reagrupamento e unha resistencia. Por que? Porque os protagonistas atopan a alguén capaz de defenderse dos alien: un electricista. Tras unha invasión alien, un desastre nuclear, unha epidemia, é de esperar que quede vivo algún electricista, algunha mecánica, algunha enxeñeira ou algunha persoa con coñecementos mínimos de cal é o xeito no que funciona o mundo, que impida que nos precipitemos nunhas sorte de nova Idade Media.

Que ten que ver todo isto coa excelente entrevista de Galiza Ano Cero? De Sousa asume que o coñecemento científico é elitista, propio de persoas con formación universitaria e ata certo punto reaccionario, porque está alonxado das clases populares, ás que dalgunha maneira supoñemos ignorantes e escasamente instruídas nos seus complicadísimos procesos. Pois ben, non existe tal cousa como o “coñecemento popular” en contraposición ao “coñecemento científico”. O coñecemento, ou e científico ou non é, e dende logo non é patrimonio dos universitarios. Un técnico de neveiras ou de lavadoras, un mecánico, unha electricista ou unha fontaneira, as persoas que fabricaron sempre xabrón caseiro ou mesmo cando metes no forno un biscoito e agardas razoablemente que calle e que suba, empregan diariamente coñecementos científico-técnicos para desenvolver o seu traballo, coñecen os principios que os rexen e saben explicalos e predicilos, aínda que non saiban escribir unha ecuación. O coñecemento científico está na ciencia ficción e nos estaleiros, nos laboratorios e nas computadoras, e xa forma parte de nós como o aire que respiramos.

 

Aviso a navegantes: non me gustan os bebés, alomenos até que medran e deixan de parecer animaliños brandos, así que se cadra este post pode ferir as sensibilidades de quen si lle parezan criaturas monísimas e adorables. Polo tanto a peli que da nome ao post, titulada en español “La semilla del diablo” (o exemplo de SPOILER!!!! mais bestia da historia da dobraxe neste estado de coña no que vivimos) resultoume especialmente inquedante. Non ten algo de sinistro o feito en si de levar outra persoa na barriga? E no caso de Rosemary, cando che entran ganas de comer polo cru, pois xa nin che conto.

Hai múltiples exemplos de cousas grimosas e dignas de filme de medo en relación a embarazos e bebés, pero das mais impresionantes é a dos vanished twins (non atopo unha tradución satisfactoria). Nas ecografías do primero trimestre, aparecen moitos mais embarazos de xémeos dos que despois va adiante en realidade. Na seguinte eco, un dos xémeos sinxelamente non está, esvaeceuse. A explicación é case peor que o feito en si: o outro xémeo reabsorbeuno, pasou a formar parte do organismo do irmán que vai nacer finalmente.

Que podamos levar dentro un neno xa me turba o suficiente como aínda por riba saber que pode estar formando parte do teu organismo o xémeo que te comiches, ou reabsorbiches, que para o caso ven sendo parecido.  Non é de novo o tema do dobre, do outro eu que non sabes que es? (neste caso, dende logo non o sabes).

En moitas culturas hai mitos sobre unha parella de irmáns primixenia no que un dos membros mata ao outro. Caín e Abel, pero tamén Cástor e Póllux, Rómulo e Remo ou Osiris e Seth (Moucho, bótame unha man agora que volviches: por unha caña, parellas de xemelgos fraticidas, un dous tres, responda outra vez).  Moitas culturas, tamén, sinten un temor especial polos xémeos, son sacrificados ou considerados tabú, individuos impuros. A idea de que poda existir alguén indistinguible de nós é desacougante.  Este feito biolóxico non é ao fin e ao cabo un fraticidio intraútero, para preservar a unicidade ( e a identidade) do que sobrevive? Pero como nas lendas, o que sobrevive é en realidade o xémeo malvado! Unha lección un tanto contraditoria…

A morte de Castilla del Pino, hai tres días, deixoume unha sensación agridoce. Houbo un momento no que o admirei moitísimo, porque me parecía doblemente meritorio que un home da súa idade entendera e compartira determinadas reivindicacións, como o feminismo, habendo tantos esquerdistas de salón que o consideran unha “loita secundaria” que non debe desviarnos da verdadeira revolución (a dos homes). Despois, asinou o manifesto “Por la lengua común” e descubrín que había outras moitas reivindicacións que non entendía.

Coa morte todo se suaviza, aínda que eu mesma penso que non debera ser así, e agora pesa mais a admiración que a mágoa polo que non entedía.  Ser psiquiatra durante o franquismo, que empregou a disciplina como xeito de control social de disidentes políticos ou sexuais, debeu ser unha loita constante contracorrente. E un poñer en risco a propia vida, en moitos casos.

Pero o que mais me gustaba de Castilla del Pino era a valentía para dicir cousas politicamente incorrectas sen despeitearse. Por exemplo, que a morte do seu pai foi liberadora, ou que a dos seus fillos foi dolorosísisma, pero non estragou o seu proxecto vital.  Son cousas que seguramente moita xente sinta, pero que son difíciles de dicir. Un non está obrigado a querer a ninguén, nin a ter unha determinada orde de prioridades na vida.

Da súa obra, quedo coa idea do perdón. Da non obrigatoriedade do perdón, para ser mais exacta. En contra dos psicólogos de mesiña de noite que falan da necesidade de perdoar para seguir adiante (da obriga de perdoar, dende unha óptica herdada do cristianismo), Castilla del Pino fala da opción do perdón. Ninguén pode dicirche se debes ou non perdoar. Hai cousas que son imperdoables. Hai persoas ás que non queres perdoar. Hai que ser valente para decidir que non perdoas e non sentir culpabilidade. A obrigatoriedade do perdón convirte aos agredidos en culpables, subvirte de xeito perverso os papeis. Supoño que el pensaría en parte nos vencidos da Guerra Civil e na obsesión dos gañadores  con obrigarnos a perdoar, e que deixemos dunha vez de remover nas feridas.

Imaxina que entras nunha sala branca e luminosa, déitaste nunha camilla, pechas os ollos e lembras, de forma incriblemente vívida, un feito da túa vida, case como se o experimentaras de novo. Un recordo aleatorio, arbitrario (un día no que camiñas cara ao colexio e chove, por exemplo) ou o recordo que ti escollas. O día no que pasou aquilo que cambiou a túa vida. Podes lembralo todo, as cores, os aromas, as sensacións, incluso cousas que nese momento non fuches consciente de percibir. Que recordo escollerías?

Isto podería ser o argumento dun filme de ciencia ficción (de “Días Estraños”, por exemplo) ou podería estar a piques de ocorrer. Están pasando cousas asombrosas cunha técnica cirúrxica para o tratamento do Parkinson, a estimulación cerebral profunda.  A técnica en si semella xa bastante sci-fi, porque consiste en implantar uns electrodos na parte inferior do cerebro do paciente, namentres este sigue consciente, para que poda contar o que sinte en cada momento. O cerebro non ten sensibilidade, porque a natureza non preveu que puidesemos chegar aí dentro. Se os electrodos tocan no sitio xusto, a persoa con enfermidade de Parkinson deixa de tremer. Tamén se emprega para diminuír o apetito en pacientes con obesidade, estimulando outra zona. Pero de casualidade, durante o proceso, o electrodo tocou nun punto do cerebro que gardaba un recordo. Un, concretamente. Aleatorio e banal. Así que o operado (esperto, recordade) di “ei, estame pasando unha cousa rarísima. Estou lembrando moi intensamente un día que estaba nun parque cuns colegas, cando tiña vinte anos. Lembro até que roupa levaba, se tiña frío ou calor. É como se pasara onte. Non, é case como se estivera pasando agora”. E, cerebralmente, está pasando.

Aínda non temos a tecnoloxía para escoller os recordos, nin para que a ECP sexa inocua, pero a posibilidade que se abre é tremendamente suxestiva e estraña. Pagaríamos por eses recordos? Poderíanse rexistrar, gravar? Estimularía tamén a memoria anterógrada, a nosa capacidade de fixar recordos novos? A ciencia ficción está comezando a ser ciencia a secas.  P.D: grazas, meu.