Varios


Estes días ando a facer un deses pasatempos que circulan polas redes sociais, que non valen maiormente para nada salvo para quedar en evidencia diante dos amigos que, por outra banda, xa coñecen todas as evidencias posibles. Este trátase de escoller un filme durante trinta días, respondendo a unhs serie de categorías fixas, tipo “un filme que volverías ver” ou “un filme que odias”. O caso é que varias das categorías esixían escoller películas románticas ou “sobre o amor”, así en xeral, e decateime con relativa sorpresa que me producían unha mestura de perplexidade, fastío e certo cabreo. Resulta que detesto as pelis de amor.

Detéstoas mais do que eu mesma sospeitaba, pero cando me vin obrigada a pensar nunha película de amor que me gustara, ou que significara nalgún momento algo para min, resultou que non había ningunha: nunca me sentín nin remotamente identificada, nunca desexei ser a protagonista feminina, nunca me provocaron maior sensación que tedio e repetición eterna do mesmo argumento. E dado que o patriarcado decidiu sen consultarme que, como levo dous cromosomas X, ese tipo de filmes DEBEN interesarme, atópome en situacións nas que teño que xustificar por que non me gustan, ver caras de sorpresa porque propoño ver CALQUERA OUTRA COUSA no cine, ou contestar test nos que varias das preguntas versan sobre o propio. Ben, nisto último metinme soíña, dacordo.

1. Sempre van do mesmo: o amor é a xustificación da vida humana e ese amor ten unhas características moi determinadas, que polo que parece son comúns a todo o xénero humano salvo a servidora.

2. Teño serias dificultades para entendelas. En serio. Nunca entendo por que as personaxes actúan como o fan, e semella ser obvio para todo o resto do mundo (“por amor!”) (???)

3. Nunca me sentín como semellan sentirse as personaxes desas películas. E agardo non sentirme así nunca. Por suposto hai persoas ás que quero, ás que quero moito e que me fan moi feliz, pero daí a perder todo atisbo de vergoña e sentido común, pois non. Se algún día me decido a probar algunha sustancia psicotrópica, xa vos contarei como foi a experiencia, ata daquela estou ben así, grazas.

4. Parece que as mozas teñen que ter unha serie de obxectivos vitais X e os rapaces outros Y completamente diferentes e sobre iso pivota a tan ochentera e socorrida “guerra de sexos” que nutre boa parte do xénero. Pero resulta que os meus intereses e obxectivos non teñen nada que ver con X nin con Y, e síntome como un can verde todo o tempo.

5. Non me interesan demasiado as vidas de persoas que non coñezo. E menos aínda se o mais interesante delas é que son como as de todo o mundo. Pois vaia.

6. Estou convencida de que non se pode facer unha peli de amor orixinal. Nin sequera experimentos culturetas e aclamados pola crítica, tipo “Before Sunrise” se libran de caer de novo nos mesmos tópicos sobre como se supón que somos os homes e as mulleres.

7. Cando nunha peli que vai doutra cousa os guionistas se sinten obrigados a introducir unha historia de amor convencional, cabréome. Que pasa, que non somos capaces de interesarnos por un argumento doutro tipo se non vai convenientemente aliñado de hormonas?

8. Semella que o único obxectivo das personaxes femininas é o de facer posibles as tramas “románticas”. Menos mal que está a tenente Ripley para redimirnos.

9. As cousas románticas non me parecen románticas. Parécenme, no mellor dos casos, cursis, e no peor, unha afrenta que só se saldaría con sangue.

10. Como xa dixen mais veces neste blog, Meg Ryan é o Maligno.

Manifesto por unha rede neutral

Os cidadáns e as empresas usuarias de Internet adheridas a este texto MANIFESTAMOS:

1. Que Internet é unha Rede Neutral por deseño, dende a súa creación até a súa actual implementación, na que a información flúe de maneira libre, sen discriminación ningunha, en función de orixe, destino, protocolo ou contido.
2. Que as empresas, emprendedores e usuarios de Internet puideron crear servizos e produtos nesa Rede Neutral sen necesidade de autorizacións nin acordos previos, dando lugar a unha barreira de entrada practicamente inexistente que permitiu a explosión creativa, de innovación e de servizos que define o estado da rede actual.
3. Que os usuarios, emprendedores e empresas de Internet puideron definir e ofrecer os seus servizos en condicións de igualdade, levando o concepto da libre competencia até extremos nunca antes coñecidos.
4. Que Internet é o vehículo de libre expresión, libre información e desenrolo social máis importante co que contan os cidadáns e empresas. A súa natureza non debe ser posta en risco baixo ningún concepto.
5. Que para posibilitar esa Rede Neutral as operadoras deben transportar paquetes de datos de maneira neutral, sen erixirse en “aduaneiros” do tráfico e sen favorecer ou prexudicar a uns contidos por riba doutros.
6. Que a xestión do tráfico en situacións puntuais e excepcionais de saturación das redes debe acometerse de xeito transparente, de acordo a criterios homoxéneos de interese público e non discriminatorios nin comerciais.
7. Que a dita restrición excepcional do tráfico por parte das operadoras non pode converterse nunha alternativa sostida á inversión de redes.
8. Que a dita Rede Neutral se ve ameazada por operadoras interesadas en chegar a acordos comerciais polos que se privilexie ou degrade o contido segundo a súa relación comercial coa operadora.
9. Que algúns operadores do mercado queren “redefinir” a Rede Neutral para manexala de acordo cos seus intereses, e esa pretensión debe ser evitada; a definición das regras fundamentais do funcionamento de Internet debe basearse no interese de quen a usan, non de quen as proven.
10. Que a resposta ante esta ameaza para a rede non pode ser a inacción: non facer nada equivale a permitir que intereses privados poidan de facto levar a cabo prácticas que afectan ás liberdades fundamentais dos cidadáns e a capacidade das empresas para competir en igualdade de condicións.
11. Que é preciso e urxente instar ao Goberno a protexer dun xeito claro e inequívoco a Rede Neutral, co fin de protexer o valor de Internet de cara ao desenrolo dunha economía máis produtiva, moderna, eficiente e libre de inxerencias e intromisións indebidas. Para iso é preciso que calquera moción que se aprobe vincule de xeito indisolúbel a definición de Rede Neutral no contido da futura lei que se promova, e non condicione a súa aplicación a cuestións que pouco teñen que ver con esta.

A Rede Neutral é un concepto claro e definido no ámbito académico, onde non suscita debate: os cidadáns e as empresas teñen moito dereito a que o tráfico de datos recibido ou xerado non sexa manipulado, terxiversado, impedido, desviado, priorizado ou retrasado en función do tipo de contido, do protocolo ou aplicación empregado, da orixe ou destino da comunicación nin de calquera outra consideración allea á da súa propia vontade. Ese tráfico tratarase como unha comunicación privada e exclusivamente baixo mandato xudicial poderá ser espiado, trazado, arquivado ou analizado no seu contido, como correspondencia privada que é en realidade.

Europa, e España en particular, atópanse no medio dunha crise económica tan importante que obrigará ao cambio radical do seu modelo produtivo e a un mellor aproveitamento da creatividade dos seus cidadáns. A Rede Neutral é crucial á hora de preservar un ecosistema que favoreza a competencia e innovación para a creación dos innumerábeis produtos e servizos que quedan por inventar e descubrir. A capacidade de traballar en rede, de xeito colaborativo, e en mercados conectados, afectará a todos os sectores e todas as empresas do noso país, o que converte a Internet nun factor clave actual e futuro no noso desenrolo económico e social, determinando en gran medida o nivel de competitividade do país. De aí a nosa profunda preocupación pola preservación da Rede Neutral.

Por todo iso instamos con urxencia ao Goberno español a ser proactivo no contexto europeo e a lexislar de xeito claro e inequívoco neste sentido.

Na década de 1910, Jaques-Henry Latrigue, un neno da burguesía francesa, recibe como agasallo de aniversario a súa primeira cámara fotográfica, un estravagante obxecto de luxo, e dende entón pasa a fotografar incansablemene todo o que o rodea.  Non moi lonxe, en Berna, un escuro empregado de patentes pon patas arriba as leis do tempo e o espazo. En Viena, un neurólogo discípulo de Charcot crea un escándalo ao afirmar que non somos donos da nosa propia mente. Henry Ford fabrica o Ford T, que se vende ao incriblemente asequible  prezo de 825 dólares.

Latrigue non se diferenciaba moito de calquera outro neno  da clase alta do momento, pero resultou unha testemuña excepcional dun momento igualmente excepcional, e utilizou un enxeño técnico incriblemente axeitado: a instantánea. Deixou constancia dun intre no tempo no que o mundo cambiaba para sempre, e fíxoo capturando, ao mesmo tempo,  a inmediatez e o movemento.

As ideas sobre o tempo,  a luz, a distancia e a velocidade tiñan que ser urxentemente revisadas e, de xeito intuitivo, foi o que Latrigue fixo coa súa cámara.  Non é casual que os motivos escollidos sexan os coches, símbolo por excelencia da modernidade, pero tamén os reflexos e as composicións nas que conxela instantes case que inapreciables pola súa fugacidade.

Non só iso. Capturou un mundo feliz, sereno e sempre igual a si mesmo, pero na necesidade de deixar constancia tamén espreita a inminente destrucción que, aínda que Jaques non o sabía, xa pesaba no ambiente. Non moito despois, o neurólogo escapaba a Inglaterra, gravemente enfermo, e o empregado da oficina de patentes, convertido xa no mais famoso científico da historia, exiliábase tamén. Pero esa calma que precede á tormenta foi, por un intre, o tempo fantástico dos átomos e os segundos.

Énchme de orgullo e fonda satisfacción desexarvos a tod@s felices festas, lonxe de lamentarme porque vou engordar case tanto coma o pavo que me vou comer esta noite, ou porque non fago mais ca gastar pasta nesta orxía consumista na que nos vemos inmers@s. Xa nos lamentaremos mañá cando vexamos a báscula ou a conta bancaria. Ou ambas. Hoxe, polo momento,

Ante a inclusión no Anteproxecto de Lei de Economía sustentábel de modificacións lexislativas que afectan o libre exercicio das liberdades de expresión, información e o dereito de acceso á cultura a través de Internet, os xornalistas, blogueiros, usuarios, profesionais e creadores de internet manifestamos a nosa firme oposición ao proxecto, e declaramos que…

1.- Os dereitos de autor non poden situarse por riba dos dereitos fundamentais dos cidadáns, como o dereito á privacidade, á seguridade, á presunción de inocencia, á tutela xudicial efectiva e á liberdade de expresión.

2.- A suspensión de dereitos fundamentais é e debe seguir a ser competencia exclusiva do poder xudicial. Nin un peche sen sentenza. Este anteproxecto, en contra do establecido no artigo 20.5 da Constitución, pon nas mans dun órgano non xudicial -un organismo dependente do Ministerio de Cultura-, a potestade de impedir aos cidadáns españois o acceso a calquera páxina web.

3.- A nova lexislación creará inseguridade xurídica en todo o sector tecnolóxico español, prexudicando un dos poucos campos de desenvolvemento e futuro da nosa economía, obstaculizando a creación de empresas, introducindo atrancos á libre competencia e ralentizando a súa proxección internacional.

4.- A nova lexislación proposta ameaza os novos creadores e obstaculiza a creación cultural. Con Internet e os sucesivos avances tecnolóxicos democratizáronse extraordinariamente a creación e a emisión de contidos de todo tipo, que xa non proveñen prevalentemente das industrias culturais tradicionais, senón de multitude de fontes diferentes.

5.- Os autores, como todos os traballadores, teñen dereito a viviren do seu traballo con novas ideas creativas, modelos de negocio e actividades asociadas ás súas creacións. Tentar soster con cambios lexislativos unha industria obsoleta que non sabe adaptarse a este novo contorno non é nin xusto nin realista. Se o seu modelo de negocio se baseaba no control das copias das obras e en Internet non é posíbel sen vulnerar dereitos fundamentais, deberían procurar outro modelo.

6.- Consideramos que as industrias culturais necesitan para sobrevivir alternativas modernas, eficaces, críbeis e asequíbeis e que se adecúen aos novos usos sociais, en lugar de limitacións tan desproporcionadas como ineficaces para o fin que din perseguir.

7.- Internet debe funcionar de forma libre e sen interferencias políticas auspiciadas por sectores que pretenden perpetuar obsoletos modelos de negocio e imposibilitar que o saber humano siga a ser libre.

8.- Esiximos que o Goberno garanta por lei a neutralidade da Rede en España, ante calquera presión que poida producirse, como marco para o desenvolvemento dunha economía sostíbel e realista de cara ao futuro.

9.- Propoñemos unha verdadeira reforma do dereito de propiedade intelectual orientada ao seu fin: devolver á sociedade o coñecemento, promover o dominio público e limitar os abusos das entidades xestoras.

10.- En democracia as leis e as súas modificacións deben aprobarse tras o oportuno debate público e tendo consultado previamente todas as partes implicadas. Non é de recibo que se realicen cambios lexislativos que afectan a dereitos fundamentais nunha lei non orgánica e que versa sobre outra materia.

NOTA: Este manifesto foi redactado conxuntamente por xornalistas, blogueiros e internautas, nunha maratoniana sesión durante a tarde-noite de onte. Se estás de acordo, difúndeo por todas as vías que poidas.

Pois iso. Que como ao final pillei a gripe (non sei que cepa, non me parece educado andar preguntándolle aos meus virus de quen veñen sendo) agora de súpeto teño un tempo regalado para gastar no que queira, co lóxico resultado de que non sei en que gastalo. Polo pronto, puiden ler con mais calma da habitual a prensa e ver a tele, cousa que había tempo que non facía. Todo segue mais ou menos coma sempre, pero houbo un tema que me fixo especial coña, no meu estado griposo de cerebro cheo de mocos.

Os católicos deben de dar xa por perdido o do aborto, o dos gays e o do divorcio, porque agora están protestando… contra Halloween!! Os argumentos, como xa é habitual neles, son brutais, desternillantes e disparatados onde os haxa. Festival del humor!

1. Non é español. Completamente de acordo. Xa sabemos que España sempre foi católica, apostólica, romana e rancia, e precisamente por iso non nos gusta. Pola contra, aquí celebrabamos Samain dende bastante antes de que existira ese construto político, a pesar incluso de certa incomodidade da curia con ese feito. Pero xa se sabe que esas cousas, como o do galego, só as facemos para molestar e para irnos de guais e de especiais.

2. É unha celebración á morte. Pois si, casualmente igual que o día de defuntos. Por que será que o catolicismo está cheo desas curiosas coincidencias coas datas?

3. É a festa pola festa. Propoñen a cambio unha xornada de recollemento e de oración. Uf, que planazo, estoume vendo tentada.

4. Vestimos aos nenos “de brujitas y cosas relacionadas con la muerte” (literal, xúroo). As meigas só están relacionadas coa morte porque eles as queimaban!

5. É unha data que empregan os satanistas para facer sacrificios. En serio que iso tamén o dixeron. A igrexa española non está preocupada porque lle corten o grifo da financiación, está preocupada polos satanistas que fan sacrificios (humanos) aproveitando que tododiós está bébedo celebrando o Samain! Celebrar o Samain é equivalente a ser satánico? Axudas dalgún xeito aos satanistas a provocar a fin do mundo se te disfrazas de momia? Por cada cabaza prendida, Facenda destina un euro a axudar a unha secta satánica?

Non sei se este ano poderei celebrar o Samain, porque como xa dixen, estou infectada, pero dende logo as sectas satánicas teñen todo o meu apoio. Marcarei un X no seu recadro na seguinte declaración da renda, e asociareime á ONG “apadrina un gótico”.

,

Estou de mudanza a Blogaliza, e síntome exactamente como o castelo ambulante, como se tivera que carretar toda a miña vida ás costas. En breve volverei á actividade habitual, en canto me habitúe á nova casa, que polo de agora semella moi acolledora.

Benvid@s ao outro lado do outro lado do espello…


É o que sinto, por varios motivos, nestes momentos. Somos un país de ananos. De ananos masoquistas.

Mario prémiame co galardón Dardo, supoño que se non polo colegueo, si pola frikallada e por poñer os post mais tixolo do mundo (véxase para mostra Teoría de Cordas ou o mais recente KV60). O premio inclúe un meme subrepticio, xa que á miña vez teño que escoller tres blogs, linkalos e poñer a imaxe do premio. Cada vez me resulta mais difícil escoller entre os blogs que mais me gustan, porque cada vez sigo mais, e cada un ten as súas cousas. Ademáis, como sempre chego tarde, xa hai varios candidatos premiados. A miña selección dos blogs con mais puntos de carisma son:

1. Entropía, equilibrio e exhibicionismo: unha nova e interesante incorporación, en fondo e forma, ao panorama blogomilleiro.

2. Fuji (Lonxe do mar), o meu nexo musical no blogomundo. Ademais, os sopladores de ventos temos que apoiarnos mutuamente 😉

3. Antuán, un galego na corte do rei Gnu. Por aunar información e entretemento. E por este último, brutal, mundial, grandísimo post. A Antuán sáenlle polas orellas os puntos de carisma.

Con tanto trebón, que por certo fun a única que non se enterou mais que de oídas, isto xa parece Kansas, por obra e graza do cambio climático que ameaza con converternos nunha rexión subtropical, cos seus tornados, as súas secas e as súas choivas torrenciais. E inevitablemente veume á mente o Mago de Oz (o libro, non a peli, que me provoca diabetes inuslinorresistente) que de nena parecíame unha mala copia das miñas adoradas Alicias. Primeiro, porque non conseguía o efecto onírico tan ben como os libros de Carroll. Todo demasiado enfiadiño e coherente para ser un delirio post- traumatismo craneoencefálico. Segundo, porque desprende unha moralina insoportable e falsa (como que na casa como en nigures? Se vivía no medio do deserto! En todo caso, en calquera sitio mellor que na casa) domestica-adolescentes con necesidade de independencia.

Terceiro, porque a distinción entre bos e malos no Mago resultaba demasiado maniquea e plana incluso para a miña mente infantil, que se rebelaba ante esas meigas malisísimas e esas fadas intoxicantemente pastelosas. E ante a insoportable de Dorothy (Dorotea na miña edición) que non tiña nin de lonxe a graza e o desenfado de Alicia, que polo menos facía trasnadas, escapábase das leccións e envolvía aos pobres gatos con novelos de la.

Aínda así, o libro salvábase ás veces grazas a momentos épico-lisérxicos como o dos monos alados ou o campo de mapoulas no que Dorotea descobre o perigoso pero non por iso menos fascinante mundo das drogas brandas, e ten alucinacións con ratos parlantes. Tamén me gustaban os zapatos (que no libro son plateados), aínda que non parecían do mais cómodo para unha viaxe longa. Por que non unhas Converse plateadas?

Pero o mellor con moito é a parte que censuraron na peli de Fleming (falo de memoria, non teño a paciencia de volver vela para escribir o post) que é a chegada de Dorotea (para min vai ser sempre Dorotea) ao pazo de Rubí da meiga do Sur, Glinda. Non sei en que demo estaría pensando Baum, pero o pazo desta outra Raíña Vermella, quitando o feito de ser de rubí, é unha especie de mansión Play Boy, cunha garda e un servizo composto exclusivamente de rapaciñas novas e apetecibles con uniformes vermellos e curtísimos (xuro que busquei a ilustración do meu libro, pero non aparece) e Glinda sentada nun trono no medio delas, en plan Hugh Hefner pero en guapa. E eu aquí, co meu té e o meu xadrez. Está claro que as hai que se montan o rollo mellor ca min.

P.D: a foto, por suposto, é de Annie

Páxina seguinte »