Xa é oficial: son fan dese delirio psicotrópico-conceptual chamado I.T. Crowd, a serie mais divertida que vin en moito tempo. E iso que vou polo capítulo tres. Só fai falla ver o novo número de emerxencias ou a parodia dos anuncios antipiratería (tedes que ver isto se non o víchedes xa) para non poder deixala.
O caso é que o segundo capítulo comeza coa xefa, Jen, fascinada diante dun escaparate con estes zapatos, tan obviamente incómodos e pouco prácticos como marabillosos, e a verdade é que, aínda que eu non chego ao grao de autolesión que ela acada, sentinme un pouco identificada. Ese día vinme tentada de erguerme e berrar “Zapatos!!!” nunha reunión do traballo.

Tratar de explicar o por que da miña particular afeción polos zapatos é como explicar o misterio da trinidade: imposible e absurdo. Canto mais altos e vertixinosos mais me gustan, e mais perigosos resultan. Pero sei que non son a única, que somos un grupiño de fieis adeptas (e adeptos, non nos fagamos agora os inocentes) a estes artefactos de Satanás que son os tacóns. Inútiles? Dende logo. Violencia patriarcal autoinfrinxida? Probablemente. Incómodos? Non sempre.

Non sei en que reside a esencia da fascinación polos zapatos, ou por que fan ese efecto de satisfación narcisista que ningún outro artigo de consumo logra, pero coido que está relacionado cunha cualidade única: os zapatos sempre quedan ben. Se che entran no pé, sempre son aquilo que agardas que sexan. A roupa pode sentarche mellor ou peor, facer enrugas ou desvelar michelíns, pero uns zapatos bonitos son bonitos léveos quen os leve. E gañas automaticamente puntos de carisma. Non ante os posibles ligues (que teño para min que o último que che miran son os zapatos) senón ante ti mesma, que de súpeto mides cinco (ou dez) centímetros mais e camiñas cunha elegancia que non sabías que tiñas (aviso a navegantes: para este último efecto de puntos extra de carisma, fai falla adestramento previo. Se non, mais aló de cinco ou seis centímetros, o que consegues e parecer Donald volvendo á casa de botellón).

Pero coido que, mais aló disto, o verdadeiramente fascinante é a súa completa inutilidade. É como a arte, non valen para nada! Só teñen o puro valor estético de ser fermosos. Déixovos coa miña última e vertixinosa adquisición.