0029-0031_tod_des_adonis

Nestes tempos escuros nos que fanáticos relixiosos destrúen obras de arte e restos arqueolóxicos, dende Europa temos a tendencia a mirar estes feitos un pouco por enriba do ombro, como se a nós, aquí, nunca se nos dera por tratar de destruír un pasado que non nos conviña. Mirar as relixións dos outros como se fosen bárbaras ou fanáticas é un xeito moi cómodo de esquecer os mil cincocentos anos de destrución cultural e humana do cristianismo. O mesmo que agora fan os islamistas co seu pasado histórico pagán, fíxoo o cristianismo co pasado clásico.

Estes días estiven lendo o Antimanual de Filosofía, de Michel Onfray, que vos recomendo a todos ferventemente. Sobre todo a aqueles que, coma min, pasaron tres meses da súa vida estudando Platón para selectividade, mentres viades que os presocráticos, que parecían sorprendentemente modernos e interesantes ( O átomo? A evolución das especies? No século V a.e.c???) se despachaban en tres liñas. Non quedan case documentos, era a explicación que se daba, máis ou menos. Non quedan case documentos non, señor profe de filosofía da miña eu de 17 anos, os cristiáns dedicaron séculos á destrución sistemática, rolo por rolo e tixolo por tixolo, non só dos textos, senón dos lugares de reunión e posiblemente das persoas que puideran dar conta deste pensamento. O que non puideron destruír, deturpárono, convertendo os xardíns filosofais da Antigüidade clásica nunha especie de prostíbulos ao aire libre. Queda a dúbida de se os sabios cristiáns que dan conta destes feitos mentían á mantenta ou sinxelamente, na súa fanática visión do mundo, un lugar no que homes e mulleres se xuntaban a falar e debater tiña que ser necesariamente un antro de perdición.

A tese que mantén Onfray é a da importancia relativa de Platón e Sócrates na Antigüidade clásica. Se ben eran coñecidos e importantes, non constituían nin moito menos a corrente filosófica principal, nin tampouco son exactamente posteriores os presocráticos, senón contemporáneos. Incluso esta denominación axuda a consideralos un magma indefinido e prehistórico do que xorde a verdadeira filosofía. Porén, semella que os gregos da época estaban realmente moito máis preocupados polo átomo e a esencia da realidade que polo mundo das ideas. Incluso, podería falarse dunha certa desmitificación da sociedade, ou polo menos das clases cultivadas, nas que xa non era común dar creto ás explicacións mitolóxico-relixioso da realidade, porque se presupoñía que as causas debían ser de tipo natural, aínda que non fosen coñecidas. Neste sentido, Platón incluso podería ser considerado algo anticuado…

Cando o cristianismo acada o poder no Imperio Romano, esta corrente de pensamento élles profundamente incómoda polo que ten de materialista e potencialmente atea. Así que, sen ningún tipo de problema, destrúena ata que non queda nin rastro. E non só iso, senón que constrúen unha historia da filosofía ad hoc, unha filosofía clásica censurada para cristiáns, que é a que hoxe seguimos a estudar no instituto.

Levounos dous mil anos volver descubrir o átomo, volver falar da orixe das especies. Os xardíns están perdidos para sempre, nunca saberemos o que Leucipo ( que non queda claro se era home ou muller) pensaba realmente sobre o mundo. Pero pensar que estas cousas só lles acontecen a outras persoas, noutros países e con outras relixións, achéganos perigosamente, un pouquiño máis, a volver queimar bibliotecas e xardíns. Con persoas dentro, se cadra.