Dende o post anterior deume por pensar en como a ciencia ficción pode describir e criticar mellor a realidade que outros xéneros literarios, ou polo menos esa é a sensación que sempre teño. A necesidade de ir sempre un chisco por diante do presente, a relación intensa coa tecnoloxía ou o coñecemento de teorías científicas de vangarda que moitas veces forman parte do traballo dun escritor (bo) de ciencia ficción pero non dos escritores doutros xéneros, fan que teñan unha visión moito máis axustada da realidade e poidan facer predicións bastante asombrosas (hai pouco que se descubriron, polo menos a nivel teórico, as famosas “ecuacións de curvatura” de Star Trek, que permitirían viaxar máis rápido que a luz mediante unha trampa relativista. Así, por exemplo).

Algo tarde, seino, pero hoxe estiven vendo a entrevista de Galiza Ano Cero con Boaventura de Sousa, que me tivo enganchada a hora e media que dura e que me fixo recuperar a fe na cultura galega e no audiovisual do país. Nela, de Sousa fai unha análise sobre a actual situación social e a dificultade da esquerda para reaxir ante o retroceso dos dereitos e o ataque do capitalismo que das máis lúcidas que tiven oportunidade de escoitar. Porén, cara ao final fai unha reflexión sobre a necesidade de non confiar só no discurso da ciencia e no coñecemento científico, se non tamén no “coñecemento popular”, que me fixo revolverme incómoda na cadeira.

Hai uns meses vin unha peli de ciencia ficción rarísima titulada “The Darkest Hour”, unha nova versión da mil veces temida e fantaseada invasión alien. A pesar de ser bastante tremenda dende o punto de vista de xénero (as dúas protagonistas femininas basicamente estorban, fan puntos para que os maten a todos e non posúen nin o máis mínimo coñecemento ou habilidade que poda resultar útil) dende a perspectiva científica debuxa un panorama interesante, porque parte dunha premisa diferente doutros filmes postapocalítpicos tipo “Mad Max”: por moi enorme que sexa o desastre, o coñecemento non se perde. Non se perde porque está en todos e todas nós, porque aínda que non teñamos un dato concreto sabemos que existe e como atopalo, e porque sabemos que as cousas funcionan dun determinado xeito predicible e lóxico. A humanidade, no seu conxunto, pasou da etapa do pensamento máxico-relixioso á do pensamento científico. No filme, os extraterrestres son uns seres constituídos por enerxía que se alimentan da rede eléctrica, e posteriormente da propia enerxía eléctrica humana, e aniquilan á maior parte da poboación nos cinco primeiros minutos. Pero isto non dá paso a un escenario no que se perde calquera vestixio de civilización, senón a un reagrupamento e unha resistencia. Por que? Porque os protagonistas atopan a alguén capaz de defenderse dos alien: un electricista. Tras unha invasión alien, un desastre nuclear, unha epidemia, é de esperar que quede vivo algún electricista, algunha mecánica, algunha enxeñeira ou algunha persoa con coñecementos mínimos de cal é o xeito no que funciona o mundo, que impida que nos precipitemos nunhas sorte de nova Idade Media.

Que ten que ver todo isto coa excelente entrevista de Galiza Ano Cero? De Sousa asume que o coñecemento científico é elitista, propio de persoas con formación universitaria e ata certo punto reaccionario, porque está alonxado das clases populares, ás que dalgunha maneira supoñemos ignorantes e escasamente instruídas nos seus complicadísimos procesos. Pois ben, non existe tal cousa como o “coñecemento popular” en contraposición ao “coñecemento científico”. O coñecemento, ou e científico ou non é, e dende logo non é patrimonio dos universitarios. Un técnico de neveiras ou de lavadoras, un mecánico, unha electricista ou unha fontaneira, as persoas que fabricaron sempre xabrón caseiro ou mesmo cando metes no forno un biscoito e agardas razoablemente que calle e que suba, empregan diariamente coñecementos científico-técnicos para desenvolver o seu traballo, coñecen os principios que os rexen e saben explicalos e predicilos, aínda que non saiban escribir unha ecuación. O coñecemento científico está na ciencia ficción e nos estaleiros, nos laboratorios e nas computadoras, e xa forma parte de nós como o aire que respiramos.