Os memes pasaron un pouco de moda, pero como agora está de moda o pasado de moda, podemos dicir que é vintage e quedar tan anchas. Neste caso, ademáis, non podo rexeitar o convite, por vir de quen ven e porque trata dun dos meus temas favoritos.

Quen te convidou: Mario Regueira, un auténtico resistente do blogomillo, que continúa incólume á fronte do Porto dos Escravos.
Convido á miña vez a Edu Estévez, Agurdión e Lourixe, a ver se se animan 😉

1. O último libro que liches

Como case sempre estou a ler dous ou tres simultaneamente, voume decidir polo último que rematei: El Universo Infinito, de Lisa Randall, un ensaio sobre a física actual que consegue explicala sen unha soa fórmula matemática e facela comprensible (cando menos na medida na que é posible).

2. O libro que cambio o teu xeito de pensar

Direi dous: Contacto, de Carl Sagan, e Axiomático, de Greg Egan. Non sei se cambiaron a miña forma de pensar ou, máis ben, conseguiron poñer en palabras pensamentos que antes non as tiñan. Tampouco creo que sexa casual que sexan dúas novelas de ciencia ficción, porque sempre teño a sensación de que teñen a capacidade de explicar o presente mellor que moitas obras en principio máis realistas.

3. O último libro que che fixo chorar

Non son nada de chorar, nin cos libros nin coas películas. Se teño que dicir un que me emocionara, e por non repetir Expiación, que xa o puxo Mario, direi El amante del Volcán,  de Susan Sontag.

4. O último libro que che fixo rir

Chámome Vermello, de Orhan Pamuk. Ademais de facerme rir, fíxome poñerme triste, emocionarme, reflexionar, volver atrás para reler parágrafos e alucinar bastante en xeral cunha narración tan complexa e tan incriblemente visual.

5. O último libro que che prestaran e que non che devolveran

Introducción a la Psiquiatría, de Vallejo Ruiloba. Xa teño a edición nova, así que da un pouco igual, e tampouco tiña grande valor sentimental…

6. Un libro que che emprestaran e que non devolveras

Esquemas de Neurología, VVAA. Digamos que foi un botín de guerra que me cobrei…

7. Un libro que relerías

Relín varias veces o Canon holmesiano e volverei relelo unha e outra vez, polo visto.

8. Un libro para agasallar a cegas:

Outono Aquí, de Mario Regueira. Obviously.

9. Un libro que te sorprendeu para ben

Jesús, el profeta judío apocalíptico, de Bart Ehrman. Ademáis dese título, tiña unha portada tan chunga que sempre o levaba cun forro de papel, para que non parecese que estaba lendo algún texto fundacional dunha secta destrutiva, pero resultou un estudo histórico do máis interesante que ademáis dotaba de argumentos a unha atea irredenta coma min.

10. Un dos primeiros libros que liches na escola

Lembro vagamente algo sobre unha ratiña que rillaba no papel para escapar do libro, pero en canto a ler conscientemente e con agrado, recordo con especial cariño A expedición do Pacífico, de Marilar Aleixandre. Ademáis, veu Marilar para falarnos del. Así que, Marilar, se les isto, eu era a nena repelente da última fila.

12. Un libro que roubaches

Nunca roubei un libro! Non tiven infancia! Nin sequera en Alcampo, co doado que era… Se puidese volver ter dez anos, roubaría sen dúbida a colección enteira de Isaac Asimov, que ía xuntando aos poucos e que me encantaba.

13. Un libro que atoparas perdido

Atopei no bus unha novela de Agatha Christie, desas que venden nos quioscos, pero non lebro o título. Dentro do que cabe, aínda menos mal, a outra opción era novela rosa, supoño.

13. O autor do que máis libros tes

Se nos referimos a exemplares, sería Lewis Carroll pola miña colección de Alicias. Se a pregunta é sobre títulos, a cousa estaría entre Conan Doyle e H.P. Lovecraft, probablemente.

14. Un libro valioso

A miña Alicia Anotada, tanto por valor obxectivo como por valor sentimental, e algunha outra que me agasallaron.

15. O libro que estás a ler agora mesmo

Simultaneamente, coma sempre, Corazón de Tinta, de Cornelia Funke, e Filosofía para Médicos, de Mario Bunge.

16. Un libro que prohibirías

Non prohibiría ningún libro, creo que incluso dos moi malos ou dos moi perversos hai cousas que aprender. O truco está en aprender a ler con sentido crítico. Ou, como dicía meu avo, que o papel terma do que lle poñen.

17. Un libro que levas tempo querendo ler

A segunda parte de O Xogo de Ender. A ver se se animan os de Urco… Tamén Settecento, de Marcos Calveiro.

18. O próximo libro que vas ler

Nunca se sabe. Teño tantos na pila de pendentes que pode ser case calquera cousa.

19. O libro que non lerías endexamais

Véxome capaz de ler case calquera cousa, chegado o momento. Se me deixades nun cuarto baleiro cunha de Corín Tellado seguramente remate léndoa.

20. A túa triloxía ou saga preferida

Debátome entre un clásico e imprescindible, O Señor dos Aneis, e un sorprendente e marabilloso A Materia Escura, que ademáis de animaliños que falan e fadas, como na peli, contén altas doses de rebeldía, pensamento científico, crítica á superstición e ás relixións organizadas e universos paralelos.

Uf! Chegamos ao final coa lingua de fóra, pero chegamos. Xa me esquecera do divertido que era isto dos memes, agora teño unha fame lectora e relectora que me vai durar semanas