Leonardo Fogassi era un científico con fame. Supoño que é o que ten traballar con macacos aos que se premia con comida. Aos científicos ninguén lles dá galletas cando descobren algo! Así que decidiu merendar cun dos plátanos que en realidade eran para os monos, pero esa tarde ían sobrados e xa non parecían interesarlles moito as recompensas froitícolas. Cando Leonardo pela o plátano, mentres o seu macaco o observa atentamente, a pantalla do computador que monitoriza a actividade cerebral do mono ilumínase. Cada vez que se repetía o movemento, o cerebro do animaliño reaccionaba como se fose el mesmo quen pelaba o plátano.

Rizolatti e Fogassi, que non buscaban para nada este resultado no seu experimento, chamaron a estas células que se iluminaban neuronas-espello. Gustaríame dicir que en honor a este blog, pero era 1992 e Internet aínda era cousa de catro frikis. A súa función aínda non está clara, pero todas as persoas que traballan en neurociencia andan alborotadas en torno a este descubrimento, porque semella que pode implicar cuestións como a empatía, a colaboración ou a identificación das emocións dos outros. É dicir, podería ser o substrato biolóxico da Teoría da Mente.

As neuronas espello en humanos só son unha hipótese, principalmente porque os neurocientíficos non adoitan ter amigos que se deixen cravar eléctrodos no cerebro para constatalo, pero hai abondosa evidencia indirecta sobre a súa existencia, que podedes consultar calquera día aquí, aquí e aquí. Parecen estar implicadas na comprensión da acción e do seu obxectivo, máis aló dos movementos implicados nela. Por exemplo, o macaco de Fogassi pode “entender” que el pela o plátano porque quere comelo, ademais de ver os movementos que realiza. Polo tanto, podería prever cal é o seguinte paso da secuencia. Isto ten unha implicación directa na xénese da teoría da mente, porque é o primeiro paso para entender o que acontece nunha conciencia que non é a nosa, e poder “poñerse no lugar do outro”. Calquera que teña can e que observe como xoga con nós, facendo “como se” nos atacase, entenderá que certos animais tamén posúen un certo grao de Teoria da Mente: o noso can sabe que é un xogo, e sabe que nós sabemos que nos ataca “en broma” e reaccionamos en consecuencia.

Todas as consecuencias da existencia das neuronas espello serán probablemente o tema da próxima década na investigación en neurociencias, pero eu creo que, ademais, van ter unha importante consecuencia colateral: se cadra temos que empezar a formularnos que é ser humano, se podemos considerar humanos tamén a outros animais ou se a autoconciencia non é unha cuestión de todo ou nada, se non que pode estar presente en diferentes graos ou de diferentes xeitos. Podería haber moitas maneiras de ser humano?