Estou enganchada ao programa “Escépticos”, da ETB.  Ademais de que é un programa impensable en case calquera tele, privada ou pública, no que a temática se refire, é unha obra mestra formal en varios aspectos: unha banda sonora espectacular escollida de entre os grandes éxitos do jazz e o swing mais clásico, un formato en dúas partes, coas opinións “da rúa” ao principio e despois a explicación dos expertos, e a deliciosa ironía de Luis Alfonso Gámez tratando con toda caste de magufos, iso si, con toda educación.

Ademais, tiveron o bo gusto de pararse en detalles como a cor corporativa amarela, supoño que en alusión ás supersticións asociadas a esa cor, ou que na grande maioría dos planos se vexan claramente os micros, os cables, aos técnicos, o tablet que leva o presentador na man… Resulta un recordatorio constante do que un programa ten de artificio tecnolóxico, e polo tanto non presenta a realidade, se non unha visión moi determinada e mediada da realidade.

O programa é altamente recomendable de por si, pero case tan interesante me parece o fenómeno que representa, e o contrafenómeno que se lle opón: a proliferación de voces escépticas e ateas en Internet, que se rebelan por fin abertamente contra a superstición do tipo que sexa, onde até hai pouco era case de mal gusto demostrar o teu desacordo co que entraba dentro do caixón desastre das “crenzas”, ou o que é peor, do “alternativo”.

Coido que é necesario aclarar que tipo de opinións caen baixo a definición de escéptico: aqueles que consideran (consideramos) que o método científico é o único método válido (si, o único) para explicar a realidade, e que para que algo sexa certo necesita probas fiables e cientificamente válidas, e canto mais extraordinaria sexa a afirmación, mais extraordinaria deberá ser a proba, como dicía o Mestre.  Así pois, o inimigo pode ser tanto as relixións organizadas como os movementos antivacinas, anti-antenas, anti-medicina ou diversas herbas do ramallo das terapias alternativas, sexa o reike, a homeopatía o as flores de Bach. Todos merecen por igual o azote do discurso racional e o cuestionamento público.

Non pensabamos que se ían render sen pelexar, pero sorprende a virulencia da resposta que atopan os escépticos nos autodenominados alternativos. En primeiro lugar, por suposto, a sempre socorrida identificación cos lobbies farmacéuticos ou os mecanismos estatais e polo tanto represores. Pero despois xa pasan directamente á descalificación persoal e incluso á ameaza velada, por suposto sen esgrimir ningún tipo de argumento para defender a súa postura. Sinxelamente, se non pensas como eles, es unha vendida ao capital, a Pfizer ou ás petroleiras, dependendo de con quen fales.  En resumo, en canto lles tocas un pouco a moral, ou os argumentos, a fauna alternativa comeza a comportarse como o que realmente é: unha seita. 

De todas formas, o balance final de todo isto é positivo, porque contribúe e visibilizar as críticas ao pensamento anticientífico e tamén a poñer de relevo a escaseza argumental da que adoecen, se non son capaces de fiar un discurso mais profundo que o daquela pintada mítica de Ferrol (“Rafita, te vamos a matar”, lido con sotaque coruño) para apoiar as súas extraordinarias afirmacións.  Así que supoño que, como di a única parte que me gusta do Quixote, se ladran, é que cabalgamos.