Para o señor Mira, que entrou o outro día no Espello, comeu unha berenxena rechea, e cando marchou deixou todo emporcallado destas ideas, que non hai quen as quite. E mira que lles freguei con Mistol, e nada.

Como dicía no post anterior, preocúpame esta tendencia da esquerda mais moñas de amosar unha absurda tolerancia cara a ideas disparatadas ou absurdas no nome do dereito de cada cal a opinar. Pero aínda me preocupa mais a tendencia da dereita mais reaccionaria a apropiarse do discurso científico, deixando aos científicos de esquerda loitar entre dúas augas: os seus propios compañeiros da esquerda mirándoos con desconfianza por empregar argumentos científicos e polo tanto sospeitosos de reaccionarios e os outros científicos de dereitas pensando que son chamáns con cascabeis polas súas ideas esquerdistas e polo tanto sospeitosas de anticientíficas. E unha calexa sen saída na que moit@s nos atopamos case que a diario: únome aos fachas que pensan coma min no profesional, ou aos homeópatas que pensan parecido a min no político? A miña resposta é: a ningún dos dous, aínda que sexa unha postura incómoda, e recades maiormente leña por ambas partes.

Para poñer un exemplo xeral do problema, ocórreseme o caso, do que fala o propio Dawkins, do chamado darwinismo social, que ven sendo a xustificación capitalista das súas aberracións baseándose nunha lectura igualmente aberrante de Darwin. Basicamente trátase de que, xa que a natureza funciona así, a sociedade faino do mesmo xeito. Non porque deba ser así, senón sinxelamente porque así é como as cousas son. O capitalismo, dende este punto de vista, non sería un sistema económico en contraposición a outros posibles sistemas, senón a forma natural na que funciona o mundo. O forte gaña, o feble perde e morre de fame. Conclusión secundaria: calquera outra idea sobre un sistema económico diferente ou alternativo é ideoloxía, en contraposición ao capitalismo, que é a realidade.

Non fai falla que explique aquí como de nociva e retorcida é esta idea, que nos condena a tod@s @s que pensamos que hai cousas que cambiar á condición de exaltad@s ou inxenu@s, no mellor dos casos. Pero si vou poñer un exemplo de como funciona esta falacia paralóxica: a inicios do século XX, co descubrimento dos antibióticos, apareceu a posibilidade de curar a sífilis. Por estraño que nos pareza hoxe, isto xerou unha forte resistencia, ante a idea de que os pecadores que contraían a sífilis por actividades lúbricas e por outra banda bastante divertidas se libraran de rositas do problema. Por suposto, o sentido común impúxose e a sífilis está practicamente erradicada en Europa. Pois ben, este feito está ao mesmo nivel que a idea que sostén o darwinismo social: o feito de que algo sexa así (a sífilis contráese por contacto sexual co portador e é potencialmente letal sen tratamento) non quere dicir que deba ser así (imos deixa á xente morrer de sífilis, porque é o xeito no que as cousas son).

A idea do darwinismo social forma parte desa tendencia tan postmoderna e tan chachi do chamado “discurso cero”, que consiste en situar certas ideas no punto teórico da neutralidade, en oposición a outras ideas “politizadas”. Segundo isto, o liberalismo económico é neutro, pero as doutrinas socialistas ou comunistas son partidistas ou ideoloxía. O nacionalismo español é neutro pero os nacionalismos periféricos están ideoloxizados. Creo que xa pillades por onde vai a cousa, non si? O truco, o paraloxismo, ou mellor aínda, o sofisma que oculta o pensamento cero é a identificación (consciente e interesada, por certo) entre a descrición dos feitos e o “debe ser”. Como a xente morre de sífilis, a xente debe morrer de sífilis. Descubrir e describir a espiroqueta da sífilis, e constatar que a penicilina a destrúe, é científico, pero empregar este coñecemento para curar a sífilis sería inadmisiblemente sesgado e partidista. Cada día, como individuos  e como especie, decidimos modificar cousas que inicialmente eran doutro xeito. O que decidimos modificar e o que non, é necesariamente ideoloxía.

P.D: a segunda imaxe corresponde a unha das sagas de X-Men, a Era de Apocalipse, un universo alternativo no que impera un darwinismo social extremo. E Cíclope é dos malos!