Archive for Setembro, 2011

En 1882, Henry Huxley, co-descubridor da teoría da evolución, leva a ombros o cadaleito de Darwin, demostrando que na investigación científica non todo é competencia despiadada. Huxley chegou á mesma conclusión que Darwin pouco antes da publicación da Orixe das Especies, e escribiulle facéndoo partícipe dos seus traballos. Darwin mencionou os estudos de Huxley no seu libro, e así comezou unha colaboración prolífica e intensa, que lle valeu a Huxley o apodo de Darwin’s Bulldog, por defender o darwinismo con apaixonamento nos debates nos que o mestre, xa ancián, non podía estar presente.

Darwin necesitou no seu momento un defensor mais novo e enérxico ca el mesmo, sobre todo sendo a súa teoría tan incómoda e revolucionaria como resultou. Os tempos de Darwin e Huxley non son os nosos, pero semella que o mestre continúa a precisar defensores.

Richard Dawkins tamén gañou por méritos propios o alcume de Darwin’s Rottweiler, en recordo daquel outro apaixonado defensor do darwinismo. Un alcume, por outra banda, que se nalgún momento pretendeu ser ofensivo, resulta en realidade profundamente afagador. É necesaria hoxe por hoxe unha defensa da evolución tan enérxica como a que levou a cabo no século XIX o primeiro bulldog de Darwin? Pois por desgraza, e aínda que pareza incrible, semella que si. Se cadra no ámbito europeo resúltanos estraño que algueń poña en dúbida a evolución, pero o 40% dos estadounidenses cren no deseño intelixente, e as cifras elévanse arrepiantemente cando se trata de Sudamérica.

En calquera caso, tamén en Europa cocemos fabas, e aínda que aquí non estea tan en boga o creacionismo, non estamos libres tampouco dunha certa visión relativista do coñecemento científico, e dunha mal chamada tolerancia relixiosa que nos leva a dicir que debe ser respectada calquera idea, por disparatada que sexa, se se expresa como un dogma de fe. Como dixo Dawkins: “sostemos a conveniente ficción de que as opinións relixiosas posúen certa clase de dereito a ser respectadas automaticamente e sen cuestionamentos”. Dende a propia esquerda, ás veces temos medo de parecer dogmátic@s ou reaccionari@s cando defendemos argumentos científicos e o seu valor de feito demostrado por riba de opinións, crenzas ou ideas pseudocientíficas. Semella que é de mal gusto facer notar que non, non é unha opinión, e non, a ciencia non é equiparable a outras formas de coñecemento “revelado”, pola sinxela razón de que a ciencia funciona. Outra frase gloriosa de Dawkins: “As teorías sobre a creación do ser humano anteriores a 1859 (en referencia á data de publicación da Orixe das Especies) están moi ben, salvo porque non son certas”. Se alguén defende unha opinión contraria á selección natural, está no seu dereito de facelo, só que non é certa! E o mesmo vale para a cristaloterapia, a homeopatía, a terra plana ou a arca de Noé. Estás no teu dereito de crelo, pero non é certo!

Así que, polo que a min respecta,á pregunta de se é necesario un ateísmo militante, a respota é: por suposto. Non serve de nada esta actitude falsamente tolerante que se nos quere obrigar a adoptar. Neste tema, non se trata de tolerancia ou intolerancia, senón de feitos comprobados e outros que non o están. Hai que dar a batalla, entrar nos debates e converternos tod@s, un pouco en rottweilers de Darwin, ou do pensamento científico se o preferides, dende unha postura de esquerdas e progresista, e non permitir que o fundamentalismo relixioso, a supersitición ou as paraciencias nos gañen a partida porque non puxemos a suficiente paixón en defender as nosas posturas. Como di o rottweiler, é tempo de enfadarse.

O ano pasado merquei en Barcelona unha colección de bonequiños de científicos, que lle dan clase e elegancia ao meu salón. Están Marie Curie, Einstein, Darwin, Newton… e Nikola Tesla. Ninguén foi capaz de identificalo á primeira, a pesar de que está moi logrado, e de recoñecer sen ningún problema aos outros catro (con certa vacilación entre Darwin e Freud). Unha vez aclarado, a maior parte da xente tampouco sabía quen era Tesla. A pesar diso, Tesla acadou o que eu considero que é o maior recoñecemento posible para un científico, mais aínda ca os dous Nobel de Curie, a cátedra de Newton ou calquera outro: saír nunha peli de Christopher Nolan e que faga de ti David Bowie.
Realmente, Tesla semella mais un personaxe cinematográfico ca un científico real. E porén,  foi o inventor que mais influiu na nosa vida cotiá, moito mais ca Einstein ou incluso ca Curie: inventou a corrente alterna, que permitiu o uso doméstico da electricidade, e a radio quince anos antes ca Marconi, o que o levou a un proceso legal interminable que remataría nos anos sesenta dándolle a razón a Tesla, aínda que os que pasamos pola escola nos 80-90 continuamos aprendéndonos de memoria que a radio a inventara Marconi. Tamén inventou as telecomunicacións sen fíos (ano 1901, ollo. Retrofuturismo!) e os principios teóricos do radar, ademáis de modelos de bombillas sen filamento, a lámpada fluorescente, e a primeira central hidroeléctrica.
Pregunta: que explica que a persoa que posiblemente mais contribuiu á modernidade tal e como a coñecemos sexa prácticamente descoñecido a nivel popular, até o punto de que colocas o seu bonequiño no teu andel e ninguén che di: “anda, tes aí a Nikola”?  A ninguén lle cambiou a vida a Relatividade Especial e Xeral,  a radiactividade se cadra un pouco mais, pero a electricidade nas casas, a radio e a WIFI (sobre todo a WIFI) xa non é que sexan parte das nosas vidas senón que en certo sentido son as nosas vidas. Entón? Pois resulta que Tesla era un pouco raro. A principios do século XX, a transmisión sen fíos debía de parecer maxia, e de feito Nikola cría noutros fenómenos que hoxe nos parecen claramente paraciencia, como a telequinese, a transmigración das almas ou a transmisión do pensamento. Pero poñámonos no seu pelexo: acababa de conseguir transmitir voces ao outro lado do océano! O da telepatía era unha tontería en comparación! Ben, e tamén en fantasmas e en OVNIS, pero eu sigo dicindo que o que el facía era bastante mais raro e imposible, así que, por que non?
A outra razón é de índole un pouco menos divertida. Tesla inventou un motor eléctrico en plena febre do petróleo en EEUU, o que lle valeu ser destituído do seu cargo na Tesla Electric Light & Manufacturing, e un sistema que permitía electrificar a baixísimo custo vilas enteiras sen necesidade de cables. Para Tesla, o obxectivo era mellorar a vida das persoas e non o rendemento económico das súas patentes. En resumo, non era útil para o capitalismo. Polo tanto, para a historia queda a enorme figura de Edison, o rei Midas das patentes, e desaparece a de Tesla, o idealista tolo.
Así que queda dito: se algún día fago algo grande, pero grande de verdade, ide chamando a Christopher Nolan para que me saque nunha peli, paso do Nobel e de ceas de postureo en Suecia. Teño que ir pensando quen quero que faga de min, que para daquela Bowie igual xa está algo vellote…