Supoño que hai que resignarse: Zizek é o filósofo que nos tocou de oficio. Igual que Sartre foi o filósofo do maio do 68, Zizek é o filósofo da nosa xeración, para ben ou para mal. O filósofo de twitter, de Wikileaks e de Lady Gaga, o marxista do século XXI como Sartre o foi do XX. Claro que é un filósofo co que temos unha relación algo ambivalente. É como o papá de moitos de nós. Non como o meu, que mola a saco, pero si como moitos papás que coñezo: querémolo, estamos orgullosos del porque ao fin e ao cabo é de esquerdas, ten o seu punto divertido, pero ás veces di inconveniencias diante dos nosos amigos, fai comentarios homófobos que nos sacan os colores (ou se non que llo digan a Judith Butler) ou se pasa coas gotas do café nas comidas familiares e queremos que nos trague a terra. Cando o vemos no debate con Assange, que vai sempre tan arregladiño el, e Slavoj con esa camiseta cotrosa e esas chirucas, pensamos “pero Papá, non tiñas unha camisa planchada???????” E se estivera aquí, seguro que se miraría e diría “boh, ben vale ésta”.

Así que nesas estamos. Tocounos, non o escollimos, igual que che toca a familia, non é o que mais nos gusta e ás veces é un pouco rancio e hai cousas que non entende, pero podería ser peor. Podería ser Cioran. Por exemplo, ralla a dolor con esa teima de Lacan, que está pasadísima de moda e xa a ninguén lle interesa, e ademais, dende o de Sokal xa a ninguén lle cola a retórica psicanalítica e hermética, pero el segue aí. Non entende os movementos polos dereitos individuais, e fártase de dicir que o feminismo é unha chorrada e o verdadeiramente importante é a loita de clases, e non hai xeito de facerlle entender que teñen que ser a mesma cousa, pero polo menos indígnase contigo polo de Boloña e lévate ás manis e vaite buscar.

Ademais, tampouco soporta aos “multiculti” nin os rollos alternativos e new age aínda que nese tema hai que telo un pouco de ollo por se se pasa e queda de racista, aínda que nós sabemos que non o é (pero sempre rematamos dicindo “en realidade non pensa iso…”) e opina, coma nós, que a crecente despolitización da sociedade e a aceptación do capitalismo como inevitable, ata o punto de consideralo xa como o único sistema posible (ou peor, nin  sequera un sistema, por oposición a outros sistemas, senón sinxelamente o xeito no que o mundo funciona) é o problema principal e vainos pasar factura, así que podemos ter interesantes conversas de sobremesas e enfrontarnos á rama dereitosa da familia cando nos xuntamos, que iso, queiras que non, une moito, e mamá sempre nos di que a montamos, e que nos poñemos como energúmenos e que non se nos pode levar a ningún lado.
E despois, ademais, gústalle Hitchcock e Clint Eastwood cando era duro, e últimamente Lady Gaga, aínda que isto non o acabamos de entender moi ben, pero mola, e vas no coche escoitando Bad Romance cando te vai recoller á parada do bus. Así que podería ser peor. Podería ser Camela.