Isto da atención selectiva é o que ten, que estes días teño o dial atencional posto de novo en modo estructuralista ON, mal que me pese. Será a proximidade de San Xoán e ler cousas que implican batallas a espada e árbores sagradas, o caso é que se me ven á cabeza de novo “A Ponla Dourada“, as chifladuras de Graves e Levis Strauss, así todo por xunto. É que realmente, a idea dun antigo culto paneuropeo, que deixa os seus rastros ao longo da historia, impregnando incluso o catolicismo nunca ben asumido por estes lares do norte, é innegablemente atractiva. E xa se lle das un rollo protofeminista tipo Graves, con deusas brancas e tal, convírteste fixo. O pequeno problema é que é indemostrable, pero como molar, mola.

Si, xa sei, os de ciencias estamos tod@s colgado@s co da falsabilidade. Sempre cargándonos teorías chulas e internamente coherentes, en plan augafestas. Por desgraza, que algo pareza certo non abonda para que sexa certo, pero as fogueiras de San Xoán, tan primitivas e tan inconfundiblemente precistiás (a verdade é que tampouco se esforzaron moito para que colara, coa Semana Santa currárono mais) estendidas como un regueiro de lume e paganismo por toda Europa, fanlle a unha preguntarse se nalgún momento non existiría esa relixión primixenia de culto ao lume, ao mar e ás pedras, cunha deusa-nai de dúas caras, que tanto purifica como queima e tanto protexe como afoga.

No espazo de quince días, por toda Europa prendemos fogueiras e tiramos flores ao mar para a Virxe do Carmo (outro exemplo de capa mais que superficial de barniz católico) ou para a Io que devora mariñeiros ou agasalla peixe, segundo lle dea, as sardiñas de San Xoán mesmamente.

Probablemente nunca haberá probas que confirmen ou desmintan a teoría do culto único, da deusa nai nin da orixe de todos estes ritos que sobreviven ás sucesivas conquistas, ás diferentes relixións, á postmodernidade e á era dixital. En calquera caso, a de San Xoán é unha das poucas tradicións, se non a única, que sigo fielmente a pesar do meu fervoroso ateísmo, até o punto de busca (e saltar!) unha cacharela en plena Capital Imperial, cando me pillou fóra.