Esta semana caín na conta de dúas verdades fundamentais:
1. calquera cousa que se che ocorra, por orixinal que che pareza, xa se lle ocorreu antes a un tipo grego.
2. hai cousas que son tan obvias que da vergoña dicilas pero, aínda así, hai que dicilas. Incluso repetilas.
E aínda unha terceira:
3. moi probablemente, o tipo grego sexa Platón.

Esta semana andiven a voltas cun concepto tan vello como o propio Platón, a idea da androxinia. Para el implicaba a separación esencial á que fomos sometidos os humanos no mundo das ideas, a fractura que nos cercena da nosa outra metade, á que buscamos no mundo material para completarnos. Curiosamente, a outra metade non tiña por que se do xénero oposto, os andróxinos platónicos podían estar tamén compostos por dous homes ou dúas mulleres. Pero o concepto de androxinia platónico non é o que me interesa, senón a reinterpretación contemporánea desta señora, psicóloga ela.

A idea de androxinia de Bem é a converxencia, nun mesmo individuo, de características socialmente atribuídas ao rol de xénero feminino e ao masculino. Non ten que ver con levar tacóns ou garavata, aínda que tamén poda molar, senón con trazos de personalidade que a nosa sociedade “decide”, de xeito mais ou menos sutil, que son apropiadas para os homes ou para as mulleres. Hai algunhas moi evidentes, como a agresividade ou a tenrura, pero hai algunhas outras bastante mais perversas e sutís. Por exemplo, considerar que a defensa das propias ideas é un rasgo caracteristicamente masculino se cadra non está tan claro de entrada, pero só hai que observar como se comportan a maioría das mulleres nas discusións sobre política para que nos quede clarérrimo cal é o papel social que se agarda de nós: calar e escoitar, no mellor dos casos, ou afastarse e falar das ofertas de conxelados, no peor.

Agora vén a obviedade. Esta boa señora, fantástica e feminista, aínda que despois houbo moito que dicir sobre as atribucións de xénero, vai e descubre a pólvora: resulta que os individuos andróxinos, aqueles que se atribúen características de ambos roles, son mais flexibles, funcionan mellor e teñen respostas mais adaptativas ás diferentes situacións da vida.

Para min alomenos, a conclusión é obvia: a ideoloxía de rol é en última instancia o que sustenta a desigualdade, é a esencia mesma do patriarcado e limita e restrinxe a todas as persoas, aínda que as mulleres levemos a peor parte. A idea de que existen características e cualidades inherentes a homes ou mulleres, e non a individuos concretos,  impide unha verdadeira liberdade, tanto para uns como para as outras,  e aínda mais a de persoas trans ou interxénero, obrigad*s a encaixar nos estreitos corsés do que a sociedade considera que é “masculino” ou feminino”. E mentres non logremos ser libres, nunca poderemos ser verdadeiramente iguais.