Falar de neorromanticismo desfasado e un pouco tolo faime pensar, inevitablemente, en Luís II de Baviera. Pero hoxe non quero falar do aspecto artístico e cinematográfico, senón do que representa o caso Ludwig para a historia da psiquiatría.  Estaba Luís tolo ou era só un excéntrico? Estábao dende o punto de vista da época ou realmente sufría algunha doenza? O seu médico o Dr. Gudden, foi o primeiro en empregar no seu sentido moderno, para referirse á enfermidade de Luís, o termo paranoia.

Fagamos un breve repaso biográfico: o pequeno Ludwig é o maior de dous irmán, e ambos son criados por preceptores, titores e cortesáns varios, sen á penas contacto cos pais. O seu irmán Otto é declarado tolo e incapaz e recluído nunha institucións psiquiátrica. Luis sube ao trono con 18 anos e aquí comezan os problemas: ten unha idea romántica e anacrónica da monarquía, négase a contraer matrimonio como se agarda del, ten unha relación obsesiva con Wagner, e dilapida inmensas sumas en obras disparatadas, como o famoso Neuschwanstein, Tórnase progresivamente mais desconfiado e solitario, pasando cada vez mais tempo recluído nas súas estancias do seu castelo de conto, até que se require de Gudden para certificar o seu desequilibro, para o cal é trasladado a un castelo preto do lago Starnberg. Poucos días despois, tras un paseo en compañía do seu médico, ámbolos dous homes aparecen mortos.

Con esta historia, é complicado discriminar canto de tolería real había na conduta de Ludwig.  Por unha banda, é evidente que non encaixaba no que se agardaba del, pero iso, nunha sociedade tan rixidamente marcada como aquela, mais aínda para alguén da posición social de Luís, non é proba de nada. Un carácter pouco práctico, soñador e idealista non  encaixaba ben co que un monarca debía ser. A súa orientación homosexual tamén foi tomada como proba de desequilibrio, probablemente mais porque Luís se negara a casar que porque quixera ter relacións con homes, cousa que probablemente se pasase por alto se el accedía a manter as apariencias.

Pero Gudden emprega o termo paranoia para definir a Luís. Isto quere dicir que Luís pensaba que había algún tipo de conspiración na súa contra, que o espiaban, ou que alguén pretendía perxudicalo. Pero, á vista dos acontecementos, non deixa de ter certo sentido a idea de que había intereses en afastalo do poder. O único que podería darnos unha clave para interpretar a situación son as testemuñas que aseguran que o rei falaba só e dicía escoitar voces, o que si sería un síntoma da esquizofrenia paranoide que Gudden dicía que padecía. Pero incluso iso podería ser un engano para destronar a un rei mais interesado na ópera que en gobernar.

Tanto o paciente como o médico morreron no lago Starnberg, despois dun paseo aparentemente tranquilo no que nunca saberemos do que falaron. Só podemos rodar filmes, escribr novelas e facer estudos forenses sobre o que acontecía de verdade na mente, perturbada ou non, de Luís.