Archive for Decembro, 2010

Empregar o argumento de que algo é “natural” para xustificar que é bo, ou mellor que calquera outra cousa que pode ser considerada “aritificial” por contraste, é un hábito bastante estendido entre persoas de tódalas tendencias políticas e ideolóxicas imaxinables. Pódese escoitar en Intereconomía tanto como nun club de amas de casa ou nunha comuna hippie. Ou mesmo en Saber Vivir ou no programa de Iker Jiménez.

Non vou dar unha serie de argumentos para desmentir a suposta bondade do natural, iso xa o fixeron antes ca min outros mellores e mais grandes, aínda que o só feito de que se empregue por un espectro tan amplo de ideólogos debería darnos que pensar. Sinxelamente, vou mencionar unha serie de cousas que son supostamente naturais para quen o emprega:

Son naturais…

-As plantas. Todas elas.

– A heterosexualidade.

– A maxia.

– O nudismo. Tamén no inverno.

– Ser vexetarian@. Ou comer carne, depende.

– Ter trece fillos.

– A miopía. E o astigmatismo.

– A marihuana. Perdón, tamén é unha herba.

– A homeopatía.

– A parella tradicional, e o papel tradicional da muller

– Non ducharse (polo do manto ácido e tal).

–  O parto na casa.

– Que as termitas devoren a túa casa.

– As clases sociais

– As dores do parto. E morrer de parto.

–  O patriarcado.

– Non usar tampóns.

– As compresas con yogur

– Morrer nov@

Ben, isto último non llo escoitei defender a ninguén, pero é consecuencia directa e natural de varias das anteriores.

Falar de neorromanticismo desfasado e un pouco tolo faime pensar, inevitablemente, en Luís II de Baviera. Pero hoxe non quero falar do aspecto artístico e cinematográfico, senón do que representa o caso Ludwig para a historia da psiquiatría.  Estaba Luís tolo ou era só un excéntrico? Estábao dende o punto de vista da época ou realmente sufría algunha doenza? O seu médico o Dr. Gudden, foi o primeiro en empregar no seu sentido moderno, para referirse á enfermidade de Luís, o termo paranoia.

Fagamos un breve repaso biográfico: o pequeno Ludwig é o maior de dous irmán, e ambos son criados por preceptores, titores e cortesáns varios, sen á penas contacto cos pais. O seu irmán Otto é declarado tolo e incapaz e recluído nunha institucións psiquiátrica. Luis sube ao trono con 18 anos e aquí comezan os problemas: ten unha idea romántica e anacrónica da monarquía, négase a contraer matrimonio como se agarda del, ten unha relación obsesiva con Wagner, e dilapida inmensas sumas en obras disparatadas, como o famoso Neuschwanstein, Tórnase progresivamente mais desconfiado e solitario, pasando cada vez mais tempo recluído nas súas estancias do seu castelo de conto, até que se require de Gudden para certificar o seu desequilibro, para o cal é trasladado a un castelo preto do lago Starnberg. Poucos días despois, tras un paseo en compañía do seu médico, ámbolos dous homes aparecen mortos.

Con esta historia, é complicado discriminar canto de tolería real había na conduta de Ludwig.  Por unha banda, é evidente que non encaixaba no que se agardaba del, pero iso, nunha sociedade tan rixidamente marcada como aquela, mais aínda para alguén da posición social de Luís, non é proba de nada. Un carácter pouco práctico, soñador e idealista non  encaixaba ben co que un monarca debía ser. A súa orientación homosexual tamén foi tomada como proba de desequilibrio, probablemente mais porque Luís se negara a casar que porque quixera ter relacións con homes, cousa que probablemente se pasase por alto se el accedía a manter as apariencias.

Pero Gudden emprega o termo paranoia para definir a Luís. Isto quere dicir que Luís pensaba que había algún tipo de conspiración na súa contra, que o espiaban, ou que alguén pretendía perxudicalo. Pero, á vista dos acontecementos, non deixa de ter certo sentido a idea de que había intereses en afastalo do poder. O único que podería darnos unha clave para interpretar a situación son as testemuñas que aseguran que o rei falaba só e dicía escoitar voces, o que si sería un síntoma da esquizofrenia paranoide que Gudden dicía que padecía. Pero incluso iso podería ser un engano para destronar a un rei mais interesado na ópera que en gobernar.

Tanto o paciente como o médico morreron no lago Starnberg, despois dun paseo aparentemente tranquilo no que nunca saberemos do que falaron. Só podemos rodar filmes, escribr novelas e facer estudos forenses sobre o que acontecía de verdade na mente, perturbada ou non, de Luís.