Cando pasas algún tempo nunha cidade, ocorre que as sensacións iniciais vanse modificando pouco a pouco para dar paso á visión persoal e definitiva que terás dela durante toda a vida. No meu caso, iso inclúe que lugares que nun principio non me chaman demasiado a atención rematen por ser os meus favoritos. Pasoume en concreto coa Casa Atmaller. A primeira impresión vese totalmente mediatizada pola espectacular Casa Batlló, que está xusto ao lado, o cal provoca que case que ninguén repare en que o edificio anexo é cando menos curioso. Un segundo vistazo provocoume algo semellante ao que pensei ao visitar o Pazo da Regaleira, en Sintra: “ai meu deus, pero que perturbado deseñou isto!”

Porque tanto unha coma outro son dun estilo neogótico absolutamente arcaizante, que contrasta coa marabillosa modernidade de Gaudí, futurista incluso vista dende hoxe. En que estaba pensando o arquitecto para facer un castelo de conto de fadas alemán no medio dunha Barna xa con tranvías e farolas de gas? O que é peor, un castelo “coma de quen”, cunha idea da Idade Media semellante ás pelis de época do Howyllood clásico, con cabaleiros perfectamente limpos e engominados, coas calzas acabadas de tirar da secadora, e doncelas maquilladas por Loreal.

Despois, lembrei Neuschwanstein e o filme de Visconti, e o meu aborrecemento polo revival neorromántico disipouse un pouco coa idea das óperas de Wagner, o nacionalismo musical e o rei cultureta e gay contruíndo un delirio arquitectónico que valería, iso si, para levantar a economía bávara até o día de hoxe. Comecei a experimentar unha certa simpatía.

A última vez que camiñei o Passeig de Grácia, pasei case sen miralas por diante das casas de Gaudí e fun parar directamente á Casa Atmaller, fascinada pola princesa, o San Xurxo matando ao dragón, as escaleiras polas que podería baixar Olivia de Havilland facendo de Lady Marian. Agora é o meu lugar favorito de Barcelona, de lonxe.