Hoxe estiven vendo un documental sobre Martin Heiddeger, un tipo que nunca me interesou moito como filósofo (sempre o considerei membro do que eu chamo “filosofía de sobremesa”, a saber, aquela que se fai co bandullo cheo, a poder ser tomando un coñac, e que non pretende ter mais utilidade que a de solazarnos na nosa propia intelixencia) mais que pola súa relación con Sartre. O documental non se centraba na súa obra filosófica, senón na súa relación co nazismo, e formulaba a eterna pregunta: pode a obra desconectarse da persoa que a escribe? É dicir, pode Heidegger ser considerado un xenio a pesares de ser nazi?
A resposta á que chegaron algúns, incluídos Jaspers e Arendt, foi que si. Hannah Arendt, en concreto, reivindicou a figura do seu antigo mestre e amante en Estados Unidos, aínda a pesar de ser xudea, e de ter que abandonar Alemaña no 33 sen recibir nin o mais mínimo apoio deste. Jaspers, polo seu lado, foi consultado sobre o castigo que debería pesar sobre Heidegger trala guerra polo seu decidido apoio ao réxime, e propuxo un modestísimo período de 5 anos afastado da docencia. A explicación que deron ambos foi que Heidegger era un grande filósofo, pero era un tolo no tocante ao nazismo.
Por outra banda, o seu fillo negaba o antisemitismo de Heidegger apoiándose en que tiña amigos xudeos. Amigos xudeos, por certo, aos que non dubidou en traizoar, como a Arendt, ou expulsar da Universidade, como a Husserl, co agravante de que foi este, o seu antigo mestre, quen o introduciu no ensino e falou ao seu favor para conseguirlle a plaza de profesor. Con amigos así quen quere inimigos, non si, Martin?
A miña resposta á tal pregunta é plenamente galega: depende. Podo aceptar que alguén sexa un xenio noutro eido, como a música ou a literatura, aínda que teña que mirar para outro lado no plano político. Halffter é un compositor brillante a pesar da súa covardía ao converterse no músico do réxime franquista, aproveitando a coxuntura que supuxo o exilio masivo de intelectuais. Tamara de Lempicka fascíname aínda que fora unha aristócrata trepas e conservadora.
Pero pódense desvencellar dous aspectos do pensamento dalguén que se adica, precisamente, ao pensamento? Sobre todo cando a teoría filosófica, esencialista, conservadora e reaccionaria, casa tan ben co pensamento político? Se alguén alega que Sartre, por exemplo, tamén tivo as súas miserias, direi que non é o mesmo. Pódense denunciar incongruencias nun marxista que se comportou en ocasións coma un déspota, pero no caso de Heidegger non hai tal incongruencia: era un nazi que pensaba e se comportaba como tal. Apoiou públicamente a Hitler, denunciou a compañeiros e intelectuais, abandonou á súa sorte á súa muller trala guerra mentras el se refuxiaba no campo e nunca tratou de retractarse publicamente das súas ideas. Tratar de ver as súas simpatías de ultradereita como unha excentricidade, e non como parte integrante do seu pensamento, é dunha benevolencia candorosa. Tamén non deixa de ser un signo de como moita xente, incluso xente intelixente, considera que unha cousa é a política e outra a vida. Eu sempre digo, con Simone, que o persoal é político.