Archive for Marzo, 2010

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/kkGeOWYOFoA" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Hai pouco vinme envolta nunha discusión sobre a natureza dos sentimentos, e sobre o aparentemente contraditorio concepto de sentimentos intelectuais. Digo que me vin envolta porque comecei facendo un comentario sobre o que quería dicir o bo e vello  Jaspers con esta construción e descubrín que case ninguén cmpartía o que a me parecía obvio. A postura maioritaria era que os sentimentos eran fundamentalmente interpersoais, e polo tanto o de “sentimentos intelectuais” era algo en si mesmo antagónico e paradóxico, porque os sentimentos son irracionais e non teñen que ver co intelecto.

Sentinme completamente autista, esquizoide, becho raro, e repliquei timidamente: “pero moitas veces o que sentimos non é cara a unha persoa…” Debino dicir moi baixiño porque non obtiven resposta, pero despois quedei pensando que, que demo, moitos dos sentimentos mais intensos que eu experimentei na miña vida non tiñan que ver con outro ser humano, nin sequera con outro ser vivo, sen desmerecer a todos os seres vivos polos que sinto intensos afectos, positivos e negativos.
Pero non se me ocorre xeito mellor que o de sentimentos intelectuais (e por iso Jaspers é un prócer) para definir esa emoción do coñecemento, da aprendizaxe e da avidez polos descubrimentos novos. O fogonazo de entender de súpeto algo que até ese momento permanecía escuro, ou a curiosidade insaciable por un tema novo que nos apaixona son os equivalentes intelectuais, para min, do flechazo e do sentimento amoroso. E poden ser igual de intensos, poden provocar a mesma ledicia e a mesma frustración, aínda que se nos repita continuamente que o amor é un sentimento único e inigualable.
Dicía Castilla del Pino, e custoulle moitas críticas, que a morte dos seus fillos fora dolorosísima, pero non truncara o seu proxecto vital. Non acadar a cadeira universitaria si. Pódese entender isto como o fixo moita xente, como unha proba de frialdade e falta de amor e humanidade, ou mais ben como unha proba de sinceridade. O coñecemento, ou neste caso o recoñecemento dese coñecemento, poden ser a paixón de toda unha vida, e esa paixón pode ser igual ou mais intensa que unha paixón amorosa.