Hai uns días fixen de tripas corazón e achegueime até ese pesadelo dun arquitecto encefalopático que é a sede da SGAE para ver aos rapaces de St. James Street Band. Os señores da SGAE, sempre tan amables, dificultan enormemente o acceso ás súas (luxosísimas) instalacións cun labirinto de escaleiras metálicas, corredores estreitos, ascensores (!) e outros recantos de moito medo. Así que o Gato e mais eu avanzabamos polas salas desertas como se aquilo fora un xogo de plataformas e estivaramos a buscar ao inimigo da última fase. Mundo 1: vixiante malencarado. Mundo 2: vendedora de entradas que che pide o DI, a VISA, a cartilla de vacinacións e a fotocopia compulsada do certificado de que non descargas música ilegalmente. Mundo 3: pasillo labiríntico. Mundo 4: biblioteca sen libros. Se tivera libros poderías lelos sen mercalos! Herexía, pecado mortal!

Despois de varios minutos de vagar desconcertadas, chegamos ao búnker subterráneo, na planta -2 na que, efectivamente, tocaba St. James Street Band. A sala era unha especie de cripta funeraria coas paredes decoradas segundo o estilo tradicional galego (o cemento visto) e unhas cantas cadeiras plegables, que contrastaba moi chamativamente con tódalas salas anteriores, polo punto cutre.

Debía haber como unhas dez persoas, e o gato e nos eramos as únicas ás que se puidera aplicar, nin do xeito mais magnánimo, o calificativo de “novas”, e a sala era tan fría que os aplausos resoaban coma latigazos. De feito, os de St. James Street parecían un pouco cortados, e a pesar de que o concerto foi ESPECTACULAR, mais que en Nova Orleáns parecía que estaban tocando nunha tumba, agravado porque a xente comportouse cunha frialdade moi acorde co cemento das paredes, e non aplaudiron nin un só maldito solo, aínda que arricaran chispas das chaves da trompeta, até que eu, xa medio mosqueada, comecei un aplauso recriminatorio e os demais seguíronme timidamente. En realidade, dábanme ganas de erguerme e berrar: “É jazz, suponse que ten que ser divertido! Non estades nun concerto de Malher!!!!” E xa o colmo foi cando, despois da despedida, o grupo saíu do escenario pero as luces non se prenderon, signo mundial de que vai haber un bis… e a xente marchaba!!!!!

En definitiva, que foi moi representativo da idea que ten esta asociación sobre a música: algo que se pecha nunha tumba, que non se pode interrumpir para aplaudir, e que escoitan catro culturetas rancios incapaces de desfrutar con nada. E tamén ten delito que toque na sede da SGAE un grupo que toca versións dunha música que xa non ten dereitos de autor.