Pois iso. Que como ao final pillei a gripe (non sei que cepa, non me parece educado andar preguntándolle aos meus virus de quen veñen sendo) agora de súpeto teño un tempo regalado para gastar no que queira, co lóxico resultado de que non sei en que gastalo. Polo pronto, puiden ler con mais calma da habitual a prensa e ver a tele, cousa que había tempo que non facía. Todo segue mais ou menos coma sempre, pero houbo un tema que me fixo especial coña, no meu estado griposo de cerebro cheo de mocos.

Os católicos deben de dar xa por perdido o do aborto, o dos gays e o do divorcio, porque agora están protestando… contra Halloween!! Os argumentos, como xa é habitual neles, son brutais, desternillantes e disparatados onde os haxa. Festival del humor!

1. Non é español. Completamente de acordo. Xa sabemos que España sempre foi católica, apostólica, romana e rancia, e precisamente por iso non nos gusta. Pola contra, aquí celebrabamos Samain dende bastante antes de que existira ese construto político, a pesar incluso de certa incomodidade da curia con ese feito. Pero xa se sabe que esas cousas, como o do galego, só as facemos para molestar e para irnos de guais e de especiais.

2. É unha celebración á morte. Pois si, casualmente igual que o día de defuntos. Por que será que o catolicismo está cheo desas curiosas coincidencias coas datas?

3. É a festa pola festa. Propoñen a cambio unha xornada de recollemento e de oración. Uf, que planazo, estoume vendo tentada.

4. Vestimos aos nenos “de brujitas y cosas relacionadas con la muerte” (literal, xúroo). As meigas só están relacionadas coa morte porque eles as queimaban!

5. É unha data que empregan os satanistas para facer sacrificios. En serio que iso tamén o dixeron. A igrexa española non está preocupada porque lle corten o grifo da financiación, está preocupada polos satanistas que fan sacrificios (humanos) aproveitando que tododiós está bébedo celebrando o Samain! Celebrar o Samain é equivalente a ser satánico? Axudas dalgún xeito aos satanistas a provocar a fin do mundo se te disfrazas de momia? Por cada cabaza prendida, Facenda destina un euro a axudar a unha secta satánica?

Non sei se este ano poderei celebrar o Samain, porque como xa dixen, estou infectada, pero dende logo as sectas satánicas teñen todo o meu apoio. Marcarei un X no seu recadro na seguinte declaración da renda, e asociareime á ONG “apadrina un gótico”.