17
set

Sah Bar

   Publicado por: A Raíña Vermella   in Sen clasificar

Os turcos din: "Hai tres clases de persoas: as boas persoas, as malas persoas e os taxistas". Isto sóubeno mais tarde, pero xa experimentara o dito en carnes propias cando o escoitei. A miña breve visita a Estambul comezou cunha carreira demencial a 140 kilómetros por hora polo medio da cidade, con banda sonora de tecno turco (?), en parte polo arcén, en parte pola beirarrúa e en parte marcha atrás, que segundo comprobei, é o xeito local de entender o sinal que nós coñecemos como direción prohibida. Mentres, o taxista non deixaba de repetirme "no problem, lady" que era o único que sabía dicir en inglés, ao ver que eu trataba desesperadamente de poñer o cinto de seguridade, que non existía, dando tumbos polo asento traseiro.

Estambul é unha cidade peculiar, á vez totalmente e en absoluto europea, aínda que sexa difícil de entender sen estar alí. Da sensación de que poderías vivir anos nela e aínda así non rematarías de coñecela ben. Pero como se coñece realmente unha cidade é indo aos bares, así que aló nos fumos, a primeira noite, o selecto grupo das aves nocturnas, a un garito que alguén lle recomendara a alguén por algún motivo, e que resultou ser o Sah Bar, un sitio impresionante en Sultanhamet, con terrazas, apartados, bodegas e toda unha serie de recunchos marabillosos, con bastante xente incluso un martes en pleno Ramadán.

O gato da casa decidiu que eu era o mais cómodo do sofá e alí se apalancou, sen nen sequera preguntar, dando por feito que se estaba alí era para acariñalo a el, faltaría mais.  E non sei como, rematamos explicándolle a nosa visión do conflicto vasco a un australiano e ao dono do bar, falando de feminismo e de se Turquía debía ou non entrar na Unión Europea, cantándolle ao australiano o happy birthday, versión de Louis Armstrong, e o dono sacounos unha botella de viño ao parecer carísima porque si, porque nós o valemos, e porque as mozas eramos beautiful de todo e o rapaz que viña con nós un very lucky guy, e ao final déronnos as tantas e nin Alá conseguiu erguerse para ir ao congreso ao día seguinte. Iso si, prométemoslles a Dean e a Onur que iamos voltar polo Sah Bar a próxima vez que vaiamos a Estambul. Así que agora non me queda mais remedio que volver. Unha promesa é unha promesa.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Tags: ,

Esta entrada publicouse o o xoves, setembro 17th, 2009 ás 11:29 pm e pertence á categoria Sen clasificar. RSS 2.0Podes seguir os comentarios a esta entrada a través da semente RSS . http://espello.blogaliza.org/2009/09/17/166/trackback/Podes comentar, ou facer trackback desde o teu sitio..

5 comments so far

 1 

E na volta, volverá coller un taxi?

setembro 18th, 2009 ás 5:12 pm
 2 

Supoño que Estambul é unha das poucas cidades que resiste o seu mito tras unha visita (taxis incluídos).

setembro 19th, 2009 ás 6:17 am
marlempicka
 3 

Eu tamén teño lembranzas estranas dos taxis de Estambul. Sobre todo do último que collín cando o taxista que deu o cambianzo cun billete asegurando que lle dera un de menor importe, facéndome pagar o que xa pagara e a mesma contía en euros. O moi ladrón!

setembro 26th, 2009 ás 1:45 pm
 4 

Eu ofrézome como acompañante para a próxima visita! Xa teño baixo control aos taxistas da Coru, malo será se todo queda entre turcos… :D

setembro 28th, 2009 ás 12:32 pm
 5 

E as promesas fanse para cumplilas. Menos os políticos,claro.

outubro 2nd, 2009 ás 1:20 am

Deixar unha resposta

Nome (*)
Correo (non será publicado) (*)
URI
Comentario