Este verán non foi verán, salvo días contados nos que parecía verán, só para que eu me confíe, saque as camisetas de tiras e descargar un chaparrón por sorpresa. De tódolos xeitos, ao final de agosto sempre estou desexando que chegue o outono, e que todo volva á normalidade, marchen os turistas, volvan os amigos e deixen de botar reposicións de series na tele.

O outono, en primeiro lugar, é moito mais elegante. As chaquetas e os pantalóns longos son visualmente mais benévolos que os minishorts, habida conta de que non todo o mundo os leva con dignidade. Por si soa, esta xa sería razón suficiente para preferilo, pero coido que a razón principal é que, para min, o outono sempre foi o momento no que comeza todo, e segue a ser así aínda que xa non teña aulas. Sempre fago propósitos para o novo ano en setembro e non en decembro, entre os que se contan, unha e outra vez, estudar mais, ser constante e comer menos chocolate. E desengancharme da coca-cola. Son propósitos modestos, se cadra demasiado modestos para molestarme en cumplilos, e aí quedan, setembro tras setembro.

Ademais, se unha época é especialmente vermella, é esta. Polas árbores, polo ceo, pero tamén porque todos os inicios son vermellos, e non hai nada mais vermello que a sensación de que todo está por vir, todo está por facer e unha vez mais podes escoller miles de camiños.

(Seguro que Agurdión escribiría algo moito mais poético sobre o outono, con mais follas secas e un 45% mais de solpores, pero unha é de ciencias e ten as súas limitacións. Terei que repasar a teoría das cores, a ver se se me pega algo 😉