31
mai

Rosemary’s Baby

   Publicado por: A Raíña Vermella   in Mitoloxía

Aviso a navegantes: non me gustan os bebés, alomenos até que medran e deixan de parecer animaliños brandos, así que se cadra este post pode ferir as sensibilidades de quen si lle parezan criaturas monísimas e adorables. Polo tanto a peli que da nome ao post, titulada en español "La semilla del diablo" (o exemplo de SPOILER!!!! mais bestia da historia da dobraxe neste estado de coña no que vivimos) resultoume especialmente inquedante. Non ten algo de sinistro o feito en si de levar outra persoa na barriga? E no caso de Rosemary, cando che entran ganas de comer polo cru, pois xa nin che conto.

Hai múltiples exemplos de cousas grimosas e dignas de filme de medo en relación a embarazos e bebés, pero das mais impresionantes é a dos vanished twins (non atopo unha tradución satisfactoria). Nas ecografías do primero trimestre, aparecen moitos mais embarazos de xémeos dos que despois va adiante en realidade. Na seguinte eco, un dos xémeos sinxelamente non está, esvaeceuse. A explicación é case peor que o feito en si: o outro xémeo reabsorbeuno, pasou a formar parte do organismo do irmán que vai nacer finalmente.

Que podamos levar dentro un neno xa me turba o suficiente como aínda por riba saber que pode estar formando parte do teu organismo o xémeo que te comiches, ou reabsorbiches, que para o caso ven sendo parecido.  Non é de novo o tema do dobre, do outro eu que non sabes que es? (neste caso, dende logo non o sabes).

En moitas culturas hai mitos sobre unha parella de irmáns primixenia no que un dos membros mata ao outro. Caín e Abel, pero tamén Cástor e Póllux, Rómulo e Remo ou Osiris e Seth (Moucho, bótame unha man agora que volviches: por unha caña, parellas de xemelgos fraticidas, un dous tres, responda outra vez).  Moitas culturas, tamén, sinten un temor especial polos xémeos, son sacrificados ou considerados tabú, individuos impuros. A idea de que poda existir alguén indistinguible de nós é desacougante.  Este feito biolóxico non é ao fin e ao cabo un fraticidio intraútero, para preservar a unicidade ( e a identidade) do que sobrevive? Pero como nas lendas, o que sobrevive é en realidade o xémeo malvado! Unha lección un tanto contraditoria...

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Tags: ,

Esta entrada publicouse o o domingo, maio 31st, 2009 ás 6:39 pm e pertence á categoria Mitoloxía. RSS 2.0Podes seguir os comentarios a esta entrada a través da semente RSS . http://espello.blogaliza.org/2009/05/31/rosemarys-baby/trackback/Podes comentar, ou facer trackback desde o teu sitio..

10 comments so far

 1 

Á miña nai víronlle xemelgos nos primeiros días de xestación, mais eu vin en solitario. Estasme a dicir non só de que papei fetalmente ó meu irmán se non que ademáis el era un milagre de bondade e eu son o malvado?
Non lle digo eu que non…

xuño 1st, 2009 ás 1:38 pm
 2 

Si que é inquietante, si!

De tódolos xeitos o bo que teñen os xémeos (nados) é que, por moi tabú que sexan para culturas ancestrais, hoxe sabemos que comparten a mesma xenética. Iso, a verdade, trae unhas consecuencias totalmente opostas. É dicir, sabendo de antemán isto temos máis información sobre eles que eles sobre nós. Se un deles comete un asesinato e é un tolo esquizoide, o outro ¿non ten moitas papeletas probable para selo tamén? Ilústrame, sabia raíña.

E en canto aos non nados, xa que é absurdo falar de carácter nin consciencia- aínda non son-, e só nos podemos cinguir á xenética non sería lóxico falar de bo ou malo porque ambos son idénticos -e unha fagocitación non é un comportamento*-(Non sei se iso alivia a túa conciencia, Mr.Tichborne)

*Cando me erguín esta mañá non podía esperar que escribiría tal afirmación…

Así e todo, este fenómeno biolóxico pareceume sumamente sinistro e interesante a partes iguais. Xa che pedirei unha descrición do sórdido proceso máis pormenorizada…

“Levar outra persoa” na barriga si que resulta sinistro, supoño que o truco está en que telo dentro dende que era unha celuliña con cola che cambie esa perspectiva á do marabilloso mundo rosa da creación…

xuño 3rd, 2009 ás 12:09 am
Arqueira
 3 

Si, é inquedante, aínda que a min aínda me disgusta máis a posibilidade de ter outros bichos okupas cos que non desenvolveremos posteriormente vínculos afectivos :p
Pensando en xémeos fratricidas lembreime de Tiestes e Atreo. A súa historia sempre me pareceu unha das máis fortes da mitoloxía grega (que xa é dicir!). Non chegaron a matarse (creo), pero primeiro desfixéronse dun medio irmán que tiñan e despois adicáronse a facerse o un ao outro as tremendas barbaridades, así que se non se mataron non foi por ganas. E de todas formas leváronse unha boa cantidade de xente por diante, todo aderezado con casos de incesto, canibalismo e, como non, profecías do oráculo que o enredaban todo aínda máis…
http://es.wikipedia.org/wiki/Atreo

xuño 3rd, 2009 ás 11:04 am
 4 

Realmente inquedante o de que todos nos comimos a alguén, seica os chamados “antollos” (as marcas de nacemento) son os restos dese xémeo reabsorvido, unha especie de correlato espantosamente real dos mitos sobre Caín e a súa marca.

xuño 5th, 2009 ás 12:32 pm
 5 

Daí o da bipolaridade… Pero eu na casa téñoo mellor, porque xa están os dous, o bo e o malo, mesturados en dous corpos (que para min que reabsorberon outros dous). E a quen papan é a nós.

Por certo: en Madagascar está o goberno facendo unha campaña para que non maten ós xémeos ó nacer. Case como o da Igrexa Católica e as FAES por aquí, vaia…

xuño 5th, 2009 ás 8:06 pm
 6 

Por certo, no artigo da wikipedia están moi ben os nomes das recomendacións de lectura:
* Chimera (genetics)
* Parasitic twin
* Cerebral palsy

Iso do xemelgo parásito pásame a min cos meus irmáns sen ser xemelgos (e o parásito son eu)

xuño 5th, 2009 ás 8:09 pm
espello
 7 

Mr. Tichborne: pois xa ves, aló ti coa túa conciencia intrauterina. Pero en todo caso un pouco de “malvadez” nunca está de mais :)

Aliada: os xémeos son o agasallo da natureza aos xenetistas, sen dúbida. Son a maior fonte de información que existe sobre case todo o que nos pasa e todo o que somos os humanos. As enfermidades mentais non son unha excepción, pero como teñen unha herdanza multifactorial (moits xenes implicados e tamén factores externos) e un pouco mais dificil de determinar. Por suposto que non se pode falar de carácter nin conciencia prenatal, de feito nin sequera se pode falar de vida independente en etapas tan precoces, senón tan só de acúmulos celulares (e si, se isto parece un alegato en prol da despenalización do aborto é porque o é)

P.D: o truco son as hormonas, Aliada, que nos enganan para que as cousas mais raras nos parezan marabillosas… ;)

Arqueira: punto para a Arqueira por: parellas de xemelgos fraticidas!! Con +2 de carisma por historia gore. Que sería a mitoloxía grega sen sangue, incesto e oráculos liantes? Ah, claro, sería cristianismo :p

Atreide: benvid@ polo Espello, e grazas pola nota culta dos antollos, é verdade que escoitara algunha vez esa historia. A marca de Caín… Como me lembra iso a “Demian” de Hesse… Agardo que te pases mais veces por estes lares :)

R.R: he, he, que bo o de que se reabsorberon mutuamente! Ou será que eran os dous listos coma allos e decidiron aliarse e dominar o mundo… ou alomenos aos papás :p O do parásito xa me parece un pouco forte de mais, seguro que é mais ben unha relación simbionte ou en todo caso de comensalismo, sobre todo de comensalismo de domingo ao xantar.

xuño 5th, 2009 ás 8:12 pm
 8 

Non sei, eu de pequeno quería ter un xemelgo, hoxe en día coido que o mataría, por iso de continuar coa tradición que nos expós. De todas maneiras penso que son casos diferentes e non sempre pretenden dar a mesma moralexa. No caso de Rómulo e Remo, por exemplo, é unha historia sobre os eternos colaboradores que rematan enfrontados con resultado de morte pola palabra dada, aínda que anteriormente traballaban xuntos para o asunto de matar xente. Tamén Odín Vili e Ve mataron xuntos ao xigante en amor e compáñía fraternal…

xuño 6th, 2009 ás 9:39 pm
espello
 9 

Moucho: dous puntos por parellas de xemelgos fraticidas, con +3 de frikerío por Vili e Ve :p O dos xemenlgos que matan conxuntamente, en lugar de un ao outro, daría para outro artigo de mitoloxía comparada.

xuño 7th, 2009 ás 11:49 am
 10 

Onte botaron en House o capítulo do neno que ten ADN no cerebro, entre outras partes d seu corpo, do seu irmán absorbido que lle provoca alucinacións. O super dagnóstico do Dr. é “Quimerismo”. Pasando por alto o dos espectaculares síntomas do pobre neno, é o mesmo?

PD: Vale, eu quero saber quen é o freak que pon as palabras claves a introducir!Tocoume “ola amigos” en élfico.O.o.

xuño 10th, 2009 ás 12:35 pm

Deixar unha resposta

Nome (*)
Correo (non será publicado) (*)
URI
Comentario