Imaxina que entras nunha sala branca e luminosa, déitaste nunha camilla, pechas os ollos e lembras, de forma incriblemente vívida, un feito da túa vida, case como se o experimentaras de novo. Un recordo aleatorio, arbitrario (un día no que camiñas cara ao colexio e chove, por exemplo) ou o recordo que ti escollas. O día no que pasou aquilo que cambiou a túa vida. Podes lembralo todo, as cores, os aromas, as sensacións, incluso cousas que nese momento non fuches consciente de percibir. Que recordo escollerías?

Isto podería ser o argumento dun filme de ciencia ficción (de “Días Estraños”, por exemplo) ou podería estar a piques de ocorrer. Están pasando cousas asombrosas cunha técnica cirúrxica para o tratamento do Parkinson, a estimulación cerebral profunda.  A técnica en si semella xa bastante sci-fi, porque consiste en implantar uns electrodos na parte inferior do cerebro do paciente, namentres este sigue consciente, para que poda contar o que sinte en cada momento. O cerebro non ten sensibilidade, porque a natureza non preveu que puidesemos chegar aí dentro. Se os electrodos tocan no sitio xusto, a persoa con enfermidade de Parkinson deixa de tremer. Tamén se emprega para diminuír o apetito en pacientes con obesidade, estimulando outra zona. Pero de casualidade, durante o proceso, o electrodo tocou nun punto do cerebro que gardaba un recordo. Un, concretamente. Aleatorio e banal. Así que o operado (esperto, recordade) di “ei, estame pasando unha cousa rarísima. Estou lembrando moi intensamente un día que estaba nun parque cuns colegas, cando tiña vinte anos. Lembro até que roupa levaba, se tiña frío ou calor. É como se pasara onte. Non, é case como se estivera pasando agora”. E, cerebralmente, está pasando.

Aínda non temos a tecnoloxía para escoller os recordos, nin para que a ECP sexa inocua, pero a posibilidade que se abre é tremendamente suxestiva e estraña. Pagaríamos por eses recordos? Poderíanse rexistrar, gravar? Estimularía tamén a memoria anterógrada, a nosa capacidade de fixar recordos novos? A ciencia ficción está comezando a ser ciencia a secas.  P.D: grazas, meu.