No post anterior incluín unha pulla anti-jungiana sen explicarme, e coido que realmente, lido todo de corrido, non se comprende o por qué do meu odio cara este señor. Odio igual é unha esaxerción, imos deixalo en profunda antipatía.
Nunha primeira lectura, a filosofía psicolóxica de Jung resultoume moi seductora. Un constrúe o seu propio mito, que explica a súa existencia, tomando unha serie de elementos que se repiten en tódalas mitoloxías de calquera cultura do mundo. O dragón ou a serpe, o guerreiro, o feiticeiro, a deusa nai son arquetipos que Jung supón universais, de significado compartido por tódolos seres humanos polo feito de selo. Están nos mandalas, nas cartas de tarot e no I Ching.

Por outra banda, todos posuímos un doble especular, de xénero oposto ao noso, que é ao tempo o noso oposto e o noso complemento, coma unha sorte de negativo. Isto, entendido como a dualidade sexual de tódolos individuos, semella moi progre, en contraposición co rancio de papá Freud, pero unha lectura mais atenta revela que non o é en absoluto. O que di Jung é que hai cualidades femininas e masculinas de xeito esencial, independentes da culturación do individuo. Un home é por esencia forte, decidido, violento, racional, (quente, luminoso, superior e seco, segundo o Tao) e unha muller feble, caprichosa, tenra e visceral (fría, escura, inferior e húmida). Por suposto, en cada individuo existe unha mestura de todas estas cualidades, pero o proceso de maduración psíquica inclúe que cada un de nós se identifique o mais completamente posible coas cualidades propias do seu sexo. Nunca se dará unha identificación completa e perfecta, nin esta é desexable (como o ying-yang, que contén unha minima parte negra no corpo branco e á inversa) pero canto maior sexa, mais maduro será o individuo.

Nos últimos anos, a Jung fóiselle de vez e comezou a tontear coas paraciencias, as relixións orientais e todo o que cheirara a New Age, amén de co nazismo. A pesar de que desmentiu as súas simpatías polo réxime, o feito é que foi nomeado cabeza visible da escola psicanalítica alemana na era nazi, namentres Freud e Anna tiñan que exiliarse en Inglaterra. Por omisión tamén se peca, que diría miña avoa.

O mal rollo entre ambos sempre se explicou dende o dogmatismo de Freud, que non aceptba críticas ás súas teorías, o cal é certo. Pero o que eu vexo, ademáis, e o conflicto entre un home con mentalidade científica e outro que entende a psicoloxía como unha sorte de relixión universal, o que debía molestar profundamente a Freud. E tamén entre alguén disposto a loitar polos seus principios aínda que tivera que poñerse en contra a toda Viena, e quen lle bailaba as augas ao poder.