Vale. Decidín deixar de revolcarme na miña propia miseria electoral e facer algo activo dunha vez. Pero claro, a carga de pesimismo non se vai así como así. Polo tanto, a pesar do título, este non vai ser un post sobre ciencia. Rematei hai pouco a novela de Houllebecq e, como estaba de baixón, quedoume unha sensación de tristura no canto do cabreo homicida que me despertaría noutras circunstancias.
Aínda que pareza contraditorio, Houllebecq gústame e irrítame a partes iguais. Gústame polos retratos de personaxes estremos e desadaptados e infelices e pateticamente autobiográficos. Irrítame porque trata de facer un retrato “cru e desencantado” (típica frase de contracapa) da sociedade actual, e nótase que non lle sae. Non lle sae porque a súa experiencia individual fai que caia nunha serie de tópicos e xeralizacións que só deben de ser certos na súa propia vida, pero que ao aplicalos á sociedade en xeral devolven unha visión deformada e caricaturesca, non sinxelamente crítica.

Para este señor (ente onvre, que dirían os grandes) por exemplo, o sexo é unha fonte constante de frustración, dor e conflitos. Se non te comes nada, a ferida narcisista é insoportable e amárgache a vida, e se ligas decentemente, sempre vas querer á que se che resiste. E digo ben ao poñelo en feminino, porque outra das premisas das que parte esta novela é a ausencia de desexo das mulleres, que empregan o sexo, ou ben como satisfación narcisista (de novo) ou ben como chantaxe para conseguir outro tipo de cousas, materiais ou emocionais.

Ben. Houllebecq ten un problema co sexo e outro coa autoimaxe (eu tamén teño un problema coa súa autoimaxe, por certo, mirade a foto!!). Perfecto. Emprega o sufrimento como catalizador da súa arte. Pero por que supón que todos o temos? Algúns temos feridas narcisistas que acadamos a lambernos e que non se infecten, aínda asumindo que todos levamos algunha que outra cicatriz. Pero non nos pasamos vinte anos amargados por aquel posible rollo que se nos escapou! Algunhas, por outra banda, non nos adicamos a facer movidas en plan Lisístrata coa nosa sexualidade anana e mesquiña. Incluso, hainas que teñen relacións satisfactorias! E até amigos. Ou igual é unha lenda urbana.

Conclusión. Moito mellor lle iría a Houllebecq se empregara os seus abundantes traumas persoais para crear personaxes marxinais e esquizoides que nos encantan, e non para sacar regras de tres nas que tododiós tivo tan mala pata na vida coma el. Porque o del é mala pata.