A frase que acompaña este cartaz (que tirei daquí) di algo así como: “Se tiveras unha idea que vai sacudir á sociedade, gardaríala para ti mesmo?”.

Hai un par de días cumplíase o 200 aniversario da morte de Darwin, e este ano temén se conmemoran os 150 anos da publicación de A Orixe das Especies, o libro que cambiou o mundo para sempre. Non sei de quen é a cita (axuda, por favor!) que di que Copérnico sacou ao ser humano do centro do Universo, Darwin díxolle que era como os outros animais e Freud quitoulle a última ilusión, a de ser dono da súa propia mente. Tres caídas bíblicas, a cal mais dolorosa. Se teño que escoller, coido que o peor golpe no ego humano foi o que nos infrinxiu a teoría da evolución, a xulgar cando menos polas reaccións que aínda hoxe suscita.

De Darwin xa falaron outros blogs mellor ca min, así que vou adicar este post aos creacionistas, que son a xente mais divertida do mundo. Porque recoñeceredes que discutir unha por unha, con argumentos a cal mais disparatados, as probas da evolución das especies, require un certo sentido do humor. Non vos perdades, por exemplo, “Dinosauros, toda a verdade“. Os argumentos son basicamente os mesmos que atopou Darwin cando publicou a súa obra: a complexidade irreductible e as características do universo.

O primeiro argumento ven dicindo que unha estrutura viva complexa, como por exemplo un ollo (Darwin estaba obsesionado co tema do ollo, e parecíalle o punto mais feble da súa teoría) require dun deseño intelixente, porque se falla calquera dos seus compoñentes deixa de ser funcional. Por suposto, na natureza hai múltiples exemplos de ollos de diferentes tipos, mais e menos complexos e que funcionan mellor ou peor, co cal este argumento non se sostén.

O segundo, asegura que se o Universo fose só un chisco diferente a como é, non podería existir a vida, e polo tanto as condicións previas están coidadosamente seleccionadas polo creador. Isto é o que en lóxica (cantos de vós sodes do plano de estudos de BUP?) se denomina tautoloxía, un argumento circular: aínda aceptando que isto sexa así, cousa que non sabemos, obviamente a vida existe nestas consicións, e se foran outras non existiría e non estariamos falando disto.

Pero o que fai do creacionismo unha pseudociencia non é que teñan unha inmensa paciencia para refutar o irrefutable, senón que poñen o carro antes dos bois. Se tratas de falsar unha hipótese á que chegas mediante a fe, e non mediante a lóxica, e ignoras as probas que tes en contra, autmaticamente deixas de facer ciencia e pasas a facer trucos de feira. Ocorre o mesmo que co omnisciente argumento para convencernos da existencia de deus: non podes probar que non exista. Claro que non, porque diso vai a ciencia, queridos, de demostrar cousas que existen. Se non, tamén existirían as sereas e Alf. Aquí do que se trata é de aproveitarse da escasa formación científica que ten a poboación en xeral para sementar dúbidas absurdas. A crenza é unha cousa, á marxe do que eu opine, e outra é o engano.