Ao chegar estas datas, póñome anticlerical. Dáme por aí, xa vedes. A outra xente dálle por indignarse contra o consumismo e a perda de sentido do Nadal, pero eu prefiro meterme coa igrexa católica, sobre todo cando van provocando.

Como xa confesei noutra ocasión, son desa escasa especie á que lle gustan as festas de Nadal, con todo o que teñen de hortera, mercantil, chirriante e esgotador. Sempre pensei que me gustaría poder celebrar outra cousa que os católicos non expoliaran antes, pero a verdade é que coa experiencia que teñen usurpando festividades, xa non quedaba moita cousa. Pero resulta que houbo un tipo que lle debía de pasar o mesmo e decidiu inventar a súa propia festa, e celebrala tamén en Nadal, en plan software libre pero con festas. Algo así como unhas OpenChristmas, con todo o bo (comida, festa, alcol e agasallos) pero sen o malo (misa, pelis ñoñas e discursos de autoridades). Básicamente, Kwanzaa é un Nadal corrixido e mellorado. E inventado por un señor afroamericano en data recente, concretamente 1966, o que lle da un punto hippy e psicodélico que tamén mola.

Non sei, o que non me acaba de convencer é a combinación de cores, iso de manter o vermello e verde clásico pero engadir negro. É un pouco como aqueles chándales de marca Adidash ou Bennettone. Eu optaría por unha estética innovadora e totalmente diferente, non sei, branco e inox, en plan 2001: Unha odisea no espazo, por exemplo. Pero a idea está guai. Entre a Kwanzaa e o monstro voador de espagueti, xa case teño montado o meu propio panteón ateo 😉

P.D: a tira é do blog de Mauro Entrialgo, que recomendo efusivamente se aínda non o coñecedes. Brutal.