Archive for Decembro, 2008

Nunca fixéchedes unha desas cousas que sabedes de sobra que non vai traer nada bo, pero que non podedes evitar facer? E non me refiro a unha desas cousas que se din ou se fan de marcha unha noite e das que despois te arrepintes unha semana. Refírome a facer algo a sabendas, con perfecta lucidez e coñecemento das consecuencias. Eu fíxeno. Fun ver The Spirit. Por que? Supoño que porque me gustou moito Sin City, porque saía Scarlett e porque tiña estética de cómic de serie negra, e aló fun, de cabeza e nunha sala cara, ademáis. Iso a pesar de que o meu Oráculo particular xa se pronunciara, e de xeito particularmente claro: nin de coña.
Pois era peor. Eu lera de todo: que era nazi, que tiña diálogos estúpidos, que parecía que Frank Miller estaba borracho… Todo era verdade (ben , o de nazi só un pouco) pero iso non era o mais impactante dunha peli moi coidada esteticamente e unha absoluta bazofia en canto ao guión. O mais grave con diferenza é o incrible, avermellante, descarada e absolutamente machista que é esta peli!!! (a idea é que leades esta frase como un ouveo in crescendo de indiganción). Dende a frase mítica: “hay quien dice que antes de morir ha visto su vida pasar ante sus ojos. Yo sólo veo… mujeres” até a caracterización? das personaxes femininas, todas e cada unha das cales caen inmediatamente rendidas aos pés do heroe e non amosan o menor atisbo de intelixencia (salvo se cadra o personaxe de Scarlett, que igual podería dar un spin off bastante mellor que o filme-matriz) senón unicamente unha serie de tópicos sen fisuras: as tías o que queremos é un home, por moita carreira que teñamos, gústannos as cousas brillantes como se foramos pegas, movémonos por impulsos a nivel reptiliano, e somos totalmente incapaces de gardar a menos discreción sobre asuntos importantes, polo que confiar nunha de nos (pérfidas!) pon en perigo a identidade do heroe da garavata.

Pode haber algo mais arrepiante? Para min, si. Que nada disto apareza nin sequera mencionado en ningunha das críticas da peli, nas que a ninguén se lle escapan detalles como que sae unha esvástica ou que se lle ve o cu a Eva Mendes. Nin unha soa palabra sobre algo que non é unha interpretación miña nin un detalle no que hai que reparar adrede, senón que é unha ideoloxía patente en todo o filme, de xeito obvio e sen sutilezas. E digo ideoloxía con toda a intención. Isto, o que me leva a pensar, é que algo así non chama a atención. Se no canto de mulleres son negros (por poñer) os que saen retratados con tódolos tópicos sobre eles, todo o mundo sae indignado do cine, e pídeselle ao señor Miller que se retracte publicamente. Pero con isto non, porque se asume moi ben socialmente que non é ofensivo representar ás mulleres como se foran retrasadas, que é cinema e que non se está a falar, por favor, de todas as mulleres. Que es unha paranoica e que como te pos por nada. Muller.

P.D: pero nos meus peores pesadelos sairá xa para sempre esa singularidade cósmica que é Paz Vega (singular polo inexplicable que me resulta que siga facendo cine sendo tan incriblemente mala actriz) na personaxe dunha turcoespañola bailarina exótica con acento francés. Inenarrable.

Unha noite, en certo pub, o grandísimo Quico Cadaval ensinounos a diferenza entre posesión e corpo aberto, que toda persoa minimamente culta debera coñecer, sobre todo porque nunca se sabe cando pode ser unha posuída, e convén ter claros os conceptos. Aínda que a explicación de Quico era moito mais desternillante, e incluía un coche, unha pipa e unha escena tipo Tarantino, basicamente a diferenza radica en que a posesión ocorre sen o consentemento do posuído, namentres que no corpo aberto, un vivo préstase a albergar a alma dun morto, pero mantendo o control sobre os seus propios actos.

Pois ben, en Estocolmo conseguiron reproducir, ciencia mediante, algo moi semellante á idea xenuinamente galega de corpo aberto. Cando o vin, imaxinei inmediatamente algo semellante a Como ser John Malkovich, reptando por un túnel até o cerebro do elixido para rematar na cuneta da autopista New York-New Jersey. Pero non. A cousa é tan sinxela como acoplar unhas cámaras á cabeza do “posuído”, que se moven conforme uns sensores na cabeza do “posuidor”, de xeito que, ao mover a cabeza, abarcamos o campo de visión do outro no canto do propio. Se nese campo entra algo que contacta co corpo do posuído, e a zona correspondente ao corpo do posuidor é estimulada correlativamente, a sensación de que estamos noutro corpo é total. É incrible o doado que resulta enganar ao noso cerebro.

Aínda que as aplicacións aínda non están moi claras, a min véñenseme á cabeza pelis como Días estraños e a posibilidade de vivir experiencias alleas como se foran propias, pero sen o risco potencial que entrañan. Facer puenting, ir ao espazo, viaxar… Pero coido que o mais desconcertante pode ser sinxelamente a experiencia de ter outro corpo, incluso un corpo doutro sexo ou outra cor. Se cadra unha das posibles aplicacións é didáctica.

Ao chegar estas datas, póñome anticlerical. Dáme por aí, xa vedes. A outra xente dálle por indignarse contra o consumismo e a perda de sentido do Nadal, pero eu prefiro meterme coa igrexa católica, sobre todo cando van provocando.

Como xa confesei noutra ocasión, son desa escasa especie á que lle gustan as festas de Nadal, con todo o que teñen de hortera, mercantil, chirriante e esgotador. Sempre pensei que me gustaría poder celebrar outra cousa que os católicos non expoliaran antes, pero a verdade é que coa experiencia que teñen usurpando festividades, xa non quedaba moita cousa. Pero resulta que houbo un tipo que lle debía de pasar o mesmo e decidiu inventar a súa propia festa, e celebrala tamén en Nadal, en plan software libre pero con festas. Algo así como unhas OpenChristmas, con todo o bo (comida, festa, alcol e agasallos) pero sen o malo (misa, pelis ñoñas e discursos de autoridades). Básicamente, Kwanzaa é un Nadal corrixido e mellorado. E inventado por un señor afroamericano en data recente, concretamente 1966, o que lle da un punto hippy e psicodélico que tamén mola.

Non sei, o que non me acaba de convencer é a combinación de cores, iso de manter o vermello e verde clásico pero engadir negro. É un pouco como aqueles chándales de marca Adidash ou Bennettone. Eu optaría por unha estética innovadora e totalmente diferente, non sei, branco e inox, en plan 2001: Unha odisea no espazo, por exemplo. Pero a idea está guai. Entre a Kwanzaa e o monstro voador de espagueti, xa case teño montado o meu propio panteón ateo 😉

P.D: a tira é do blog de Mauro Entrialgo, que recomendo efusivamente se aínda non o coñecedes. Brutal.