Hai unhas semanas topei con esta noticia na prensa, e levo dende entón dándolle voltas. Para os vagos que non abrides os enlaces: Jonathan Eisen, un biólogo estadounidense, lanzou á marea de Internet unha broma con moita chicha. Un suposto organismo oficial controlaría que os científicos non utilizaran sustancias dopantes que permitiran mellorar o rendemento intelectual. Segundo a noticia, un 20% dos cieníficos, nunha enquisa realizada por Nature, recoñecían tomar sustancias para incrementar a concentración ou diminuír a necesidade de sono.

Aínda que só sexa unha broma (pouco inocente, por outra banda) abre unha pregunta interesante. Por exemplo, tomar anfetaminas para un exame é igual que copiar? Pero se se descubrise unha sustancia que aumenta a intelixencia, esa intelixencia sería “de segunda”? Ou se cadra non unha sustancia, senón algún tipo de implante informático que funcione como unha ampliación de memoria? (Este post comeza a parecer unha ovella eléctrica).

En calquera caso, un 20% paréceme unha cifra ridícula. Eu estaría por asegurar que o 100% toman sustancias que melloran o rendemento, aínda que sexan megadoses de cafeína. É iso doping?

Despois de moito pensalo, teño a miña resposta, que non ten por que ser válida para ninguén mais: non é doping porque o coñecemento non é un deporte. Nas competicións deportivas, o único que está en xogo é a propia victoria, pero non se acada nada que sexa valioso en si mesmo. No que toca a ciencia, un descobremento pode cambiar a vida das persoas, e iso é valioso con independencia de quen (ou en que estado, ou con que axudas) o consiga. Velo como unha mera competición é pervertir por completo o sentido da investigación científica.