Archive for Outubro, 2008

Esta converteuse na anécdota da viaxe por excelencia. A Raíña en Bruxas, aburrida xa de pasear pola vila dos elfos e as fadas, trata de atopar marcha á pouco decente hora das dez e media da noite. No meu precario inglés, ocórreseme preguntarlle á recepcionista do hotel se coñece algún local de jazz por alí cerca (en Internet poñía que si, que Flandes en xeral ten bastante tradición de jazz en vivo) e recibe esta sorprendente contestación:

Recepcionista demasido aria: Jazz? Jazz music? (con cara de “esa música de negros?”)
Eu: yes…
R.D.A: we don’t have jazz. (pronunciando “jazz” como con noxo)
Eu: ??? (con cara de “que queres dicir, tipa?”)
R.D.A: jazz is in America
Eu: sorry?
R.D.A: We don’t have jazz, jazz is in America.

O que quería contestarlle, e non puiden polo meu escaso dominio lingüístico, era: imos ver, loira. Eu veño da outra punta de Europa, dunha vila bastante mais pequena ca esta, e si hai jazz. We have jazz. Que me estás contando? Hai outra cousa que se pronuncie igual que jazz en flamenco e que sexa de mal gusto? Estouche preguntando sen querer onde se pilla droga aquí, é unha clave secreta ou algo? Ou é que tes ordes expresas de mandar aos turistas só ao museo do chocolate?

No primeiro sitio no que entramos esa noite, ao azar, un fulano cantaba blues, bastante ben por certo. Pola do hotel, igual podía actuar o espírito de Billie Holiday esa noite, que eu non me ía enterar.

Non vou dar agora un decálogo de métodos suicidas de probada eficacia, se era o que agardabades. Non estou disposta a que pese sobre a miña conciencia as tentativas de pasar a mellor vida de ninguén… nin que me reclamedes se non funciona :p

O tema era mais ben sobre se é lícito ou non querer matarse, se se trata dunha mostra de patoloxía ou de liberdade individual. Eu asumo que hai casos de suicidio que entran de cheo na patoloxía mental, pero todo suicidio é por definición unha enfermidade mental ou hai casos nos que un pode querer morrer e hai que permitirllo e incluso facilitarllo (como con esta funcional e ultramoderna cabina de suicidio). Non penso tampouco en persoas con enfermidades terminais, que piden en realidade unha morte digna, adiantada se cadra pero inevitable na súa situación, senón en xente que sinxelamente decide que non quere seguir vivindo. Hai non moitos anos o telexornal encheuse de noticias macabras sobre adolescentes que quedaban por Internet para suicidarse xuntos, especialmente en Xapón onde matarse non ten tanta condena social como en Occidente, pero por estas latitudes chuviosas nosas tamén é bastante frecuente que apareza algún veciño pendurado do palleiro.

Tamén hai quen fala de suicidio ritual, referíndose a situacións nas que determinadas culturas prescribían este método como saída digna e incluso case obrigatoria (na Roma clásica, a un condenado a morte podía dárselle a posibilidade de aforrarlle traballo ao Estado cunha especie de Ikea suicida, e iso aportaba unha serie de avantaxes fiscais para a familia). Entendo que nestes casos non se pode falar de depresión nin de ninguha outra doenza recoñecible.

Pero, e hoxe en día? Existe algunha situación na que matarse sexa unha saída razonable? É unha cuestión de prexuízos relixiosos ou de autoconservación da especie? Chegamos a un grao de intelixencia tal que podemos decidir até este ounto sobre a nosa propia existencia, ou o instinto de supervivencia é tan primario que non se pode concebir que quede abolido salvo dende a enfermidade?

Agardo opinións diversas e variopintas. Eu aínda non teño formada a miña…