Nalgún sitio lin que Da vida das marionetas era un deses filmes dos que Bergman non se sentía orgulloso. Claro que, despois de ler Imaxes unha ten a sensación de que non se sentía orgulloso de case nada. Neste caso, entendo por que. A peli ten algunhas cousas que serían mellorables na miña humilde opinión. Sobra o speech psicoanalítico final, por exemplo, xa nos decatamos do que pasaba, e a suposta homosexualidade do protagonista non aparece por ningures en toda a metraxe salvo cando o deduce habilmente o psiquiatra, cun divertido aire co propio Freud.

Pero claro, Bergman é Bergman, e incluso un Bergman borracho seguiría sendo Bergman. É dicir, que aínda que un chisco pretenciosa, Da vida das marionetas gustoume. Sobre todo, porque el trata temas que ninguén trata. Fala das relacións entre as persoas como ninguén se atreve a falar.

Cando un filme, ou incluso na vida real, fala de relacións sentimentais (e con isto non me refiro só a relacións amorosas) damos por feito que se rexen por unhas determinadas normas que son como a gravidade ou a deriva continental: inevitables. Bergman sabe poñer de relevo que o que tomamos como natural e intrínseco ás persoas non son mais que unha serie de normas sociais, que en moitos casos nos obrigamos a nós mesmos a seguir. Non escollemos a nosa propia vida, senón que actuamos como marionetas. E o peor é que non hai ninguén movendo os fíos.

Esta película vai diso: de como un pode recluirse a si mesmo no papel que cre que debe xogar na vida, e non pode botarlle a ninguén a culpa de que sexa así. De como nos relacionamos cos demais cunha serie de esquemas previos, axústense ou non á realidade. De como as decisións mais importantes da nosa vida poden tomarse por convención, por inercia, sen reflexionar realmente sobre elas.