Xa que o Pastor fala da violencia e das súas diferentes concepcións culturais, vou falar de Funny Games, que vin hai pouco (a versión americana, síntoo, pero prometo ver a orixinal) e que trata tamén o tema da violencia. Ou non. Ou si.

O argumento é simple. Dous mozos torturan até a morte a un matrimonio e ao seu fillo, aparentemente só por divertirse. Os rapaces non teñen móbil, nin historia persoal, nin rasgos distintivos. Só podemos intuir que son de clase alta por leves detalles, e un deles semella liderar o xogo.

O interesante é que cando rematas de vela tes a sensación de que acabas de ver unha obra hiperviolenta, gratuitamente violenta, indignantemente violenta. Nin mensaxe, nin razonamento nin nada que tranquilice. Pero en realidade, e a pesar de ser de feito hiperviolenta, todo o que ocorre pasa fóra de plano. Só escoitamos. Non vemos nin un só golpe, nin un só disparo. Só algunha que outra humillación menor, que os rapaces levan a cabo con exquisita cortesía. Unha soa escea é explícita, non revelarei cal, e o que pasa a continuación é tan desconcertante que antagoniza en certa medida o efecto.

O poder evocador da agresividade é brutal. Ningunha outra cousa pode representarse tan dolorosamente clara na nosa mente aínda sen vela. Nada pode turbarnos tanto, destilar unha incómoda sensualidade, facernos rir ás gargalladas, ser visualmente tan fermosa. Por iso é material privilexiado para a arte, porque pode transmitir mil emocións diferentes con pequenos matices. Non é unha cuestión moral. Forma parte de nós gústenos ou non.