A idea dunha memoria colectiva non é patrimonio do doutor Sheldrake. De feito, o que el postula parécese moito á idea de Jung dun incosnciente colectivo, que ao principio era moi semellante eo supereu freudiano (unha conciencia social e moral)e rematou derivando na idea dunha memoria de especie, un caudal común de coñecementos que os seres humanos compartimos polo feito de selo. Jung explicaba con isto cousas como a telequinese ou a telepatía, que serían reverberacións na memoria colectiva.

Supoño que si é certo que compartimos cousas polo feito de pertencer á mesma especie, pero eu opino que son mais ben xeitos de organización da información que información en si mesma. É como se todos tiveramos o mesmo disco duro, pero cada un pode metelle os programas que lle pete. Vai ter funcións distintas, pero o xeito de traballar é o mesmo. O que non comparto con Jung nin con Sheldrake é esa idea de certa transmisión xenética da información. Ou mellor: a idea non me parece nin boa nin mala en si mesma, pero hai que demostrala. Por moi disparatadamente xenial que semelle, hai demostrala para que sirva de algo.

Como se explica entón (pregúntase Sheldrake, MD, ao que non podo deixar de imaxinar cunha capa con lúas e estrelas) o feito de que o cociente intelectual da especie humana aumente progresivamente nos tests? Ocórrenseme varias explicacións alternativas, como por exemplo o maior hábito de lectoescritura ou de pensamento abstracto que temos hoxe en día, ou que o CI sexa un instrumento defectuoso sesgado polo nivel cultural. NOn son nin mellores nin peores explicacións, pero teñen a avantaxe de que se poden deseñar experimentos para descartalas ou confirmalas. Como probamos a existecia da alma, de deus ou da memoria colectiva? Se fora agnóstica, diría que son obxectos espirituais que caen fóra do alcance da ciencia. Como non o son, digo que son ideas que non adminten refutación, e pol tanto valen o mesmo que dicir que hai unha pequenos homiños verdes que me falan e que só eu podo ver.

Pensar que existen realidades mais aló da nosa capacidade de coñecemento é ter en moi pouca estima á nosa especie. Podemos dicir que hai cousas que non sabemos aínda, pero cando alguén sostén que tal ou cal idea non é demostrable (ou refutable) e nunca o será, porque pertence a outra orde de cousas, da para desconfiar. Aí xa estamos entrando no cenagoso terreo da fe.