Hoxe asistína unha conferencia que en principio trataba sobre etoloxía, ratas que resolven labirintos, parruliños que pensan que es mamá e cousas desas, e na que o conferenciante rematou falando da estraña hipótese dos campos morfoxenéicos. Eu nunca escoitara falar de semellante cousa, nin do personaxe que semella ser Rupert Sheldrake, que ten nome de mago da tele ou algo así.

A cousa ven dicindo que calquera estrutura natural ten unha tendencia cara unha orde predeterminada, unha sorte de “memoria” innata. Atención, toda estrutura natural, incluídos seres inanimados como os cristais, as rochas ou incluso as galaxias. Os animais tamén terían esta tendencia, de xeito que cada individuo posuiría unha especie de memoria colectiva da especie.

Isto vai totalmente en contra da segunda lei da termodinámica, que di exactamente o contrario, que a desorde aumenta progresivamente en calquera sistema a menos que invirtamos enerxía en mantelo en orde (véxase o Experimento do Andel de Nela) pero explica algúns fenómenos estraños, como o feito de que as ratas resolvan hoxe labirintos mellor que hai trinta anos (sen estar sequera emparentadas entre si) ou que memoricemos mellor a orde das letras dun teclado que ningunha outra. De feito, esta teoría ten un disparatado corolario: a frecuencia coa que ocorre un feito fai que cada vez sexa mais probable que ocorra. Einstein debe estar revolvéndose na súa tumba.

Supoño que é obvio que non acredito en nada disto, pero si que me parece interesante sinalar que hai feitos moi difíciles de explicar e alguén (aínda que teña nome de prestidixitador) que trata de explicalos. As hipóteses están para ser falsadas, por estrañas que parezan a priori. Se hai que cargarse unha lei esencial ou un paradigma, a por el. Torres mais altas caeron.