Archive for Xuño, 2008


Hoxe, no canto de estar na mani, non tiven mais remedio que estar noutro sitio, por motivos pofesionales. No tal sitio, dábanche un convite para unha cea, en plan “fulanito/a y acompañante”. E aínda que nos pareza que todo é xa supernormal e incluso moi cool, estou segura de que chegar a esa cea cunha parella do mesmo sexo sería unha auténtica provocación. Ás veces penso que tendemos a pecharnos na nosa burbulla (sexa cal sexa) e non nos decatamos de que hai outros mundos. E algúns son moi rancios. Feliz día do Orgullo.

PD: a homosexualidade eliminouse como parafilia dos manuais diagnósticos de enfermidades mentais hai só trinta anos. A transexualidade aínda figura como trastorno da conduta sexual.


Onte, por segunda vez, tiven o que creo que foi a síndrome de Stendhal. A primeira vez foi hai uns anos, aquí. Aínda que poda parecer moi romántico, non é nada agradable. Nunca deixará de asombrarme o preto que están o placer estético e a crise de ansiedade.
P.D: por certo que este lugar, en árabe, chamábase “a Vermella”.

A idea dunha memoria colectiva non é patrimonio do doutor Sheldrake. De feito, o que el postula parécese moito á idea de Jung dun incosnciente colectivo, que ao principio era moi semellante eo supereu freudiano (unha conciencia social e moral)e rematou derivando na idea dunha memoria de especie, un caudal común de coñecementos que os seres humanos compartimos polo feito de selo. Jung explicaba con isto cousas como a telequinese ou a telepatía, que serían reverberacións na memoria colectiva.

Supoño que si é certo que compartimos cousas polo feito de pertencer á mesma especie, pero eu opino que son mais ben xeitos de organización da información que información en si mesma. É como se todos tiveramos o mesmo disco duro, pero cada un pode metelle os programas que lle pete. Vai ter funcións distintas, pero o xeito de traballar é o mesmo. O que non comparto con Jung nin con Sheldrake é esa idea de certa transmisión xenética da información. Ou mellor: a idea non me parece nin boa nin mala en si mesma, pero hai que demostrala. Por moi disparatadamente xenial que semelle, hai demostrala para que sirva de algo.

Como se explica entón (pregúntase Sheldrake, MD, ao que non podo deixar de imaxinar cunha capa con lúas e estrelas) o feito de que o cociente intelectual da especie humana aumente progresivamente nos tests? Ocórrenseme varias explicacións alternativas, como por exemplo o maior hábito de lectoescritura ou de pensamento abstracto que temos hoxe en día, ou que o CI sexa un instrumento defectuoso sesgado polo nivel cultural. NOn son nin mellores nin peores explicacións, pero teñen a avantaxe de que se poden deseñar experimentos para descartalas ou confirmalas. Como probamos a existecia da alma, de deus ou da memoria colectiva? Se fora agnóstica, diría que son obxectos espirituais que caen fóra do alcance da ciencia. Como non o son, digo que son ideas que non adminten refutación, e pol tanto valen o mesmo que dicir que hai unha pequenos homiños verdes que me falan e que só eu podo ver.

Pensar que existen realidades mais aló da nosa capacidade de coñecemento é ter en moi pouca estima á nosa especie. Podemos dicir que hai cousas que non sabemos aínda, pero cando alguén sostén que tal ou cal idea non é demostrable (ou refutable) e nunca o será, porque pertence a outra orde de cousas, da para desconfiar. Aí xa estamos entrando no cenagoso terreo da fe.

Hoxe asistína unha conferencia que en principio trataba sobre etoloxía, ratas que resolven labirintos, parruliños que pensan que es mamá e cousas desas, e na que o conferenciante rematou falando da estraña hipótese dos campos morfoxenéicos. Eu nunca escoitara falar de semellante cousa, nin do personaxe que semella ser Rupert Sheldrake, que ten nome de mago da tele ou algo así.

A cousa ven dicindo que calquera estrutura natural ten unha tendencia cara unha orde predeterminada, unha sorte de “memoria” innata. Atención, toda estrutura natural, incluídos seres inanimados como os cristais, as rochas ou incluso as galaxias. Os animais tamén terían esta tendencia, de xeito que cada individuo posuiría unha especie de memoria colectiva da especie.

Isto vai totalmente en contra da segunda lei da termodinámica, que di exactamente o contrario, que a desorde aumenta progresivamente en calquera sistema a menos que invirtamos enerxía en mantelo en orde (véxase o Experimento do Andel de Nela) pero explica algúns fenómenos estraños, como o feito de que as ratas resolvan hoxe labirintos mellor que hai trinta anos (sen estar sequera emparentadas entre si) ou que memoricemos mellor a orde das letras dun teclado que ningunha outra. De feito, esta teoría ten un disparatado corolario: a frecuencia coa que ocorre un feito fai que cada vez sexa mais probable que ocorra. Einstein debe estar revolvéndose na súa tumba.

Supoño que é obvio que non acredito en nada disto, pero si que me parece interesante sinalar que hai feitos moi difíciles de explicar e alguén (aínda que teña nome de prestidixitador) que trata de explicalos. As hipóteses están para ser falsadas, por estrañas que parezan a priori. Se hai que cargarse unha lei esencial ou un paradigma, a por el. Torres mais altas caeron.

Lin e relín coidadosamente o post anterior, a raíz dos comentarios que recibín, e continúo sen entendelo: estou segura de que o único que dixen foi que me parecía mal que se suspenderan concertos. Unha doutrina desatinadamente revolucionaria e paradoxal, que diría Russell, a xulgar polas reaccións. Nos comentarios subseguintes, insuouse que non sabía o que dicían as letras, acusoúseme de apoiar a certas organizacións extintas (?) e empregouse a palabra “camada” e alguén preguntouse se me parecía ben asasinar homosexuais. Ah, e deuse por sentada a miña xuventude, cousa que me afaga pero da que debo disentir.

Teño a miña propia teoría, seguramente errónea,
sobre o que ocorre con estas cousas. Eu chámoa a Teoría das Ideas en Bloque, por aquilo de darlle un aire platónico. As Ideas en Bloque postula que cando un concepto é expresado publicamente de xeito repetido como unha unidade convírtese nunha Idea en Bloque: é como un átomo, comportase como un todo e é teóricamente indivisible. Unha opinión non pode ser contraria ou favorable a unha parte reducida da unidade, esténdese e interacciona sempre co Bloque.

Exemplo de Idea en Bloque: Cando estaba quitando o carné de conducir, a miña instructora era de dereitas, e loxicamente tiñamos unhas broncas monumentais aínda que amigables (mais ou menos). A boa señora actuaba e falaba sempre dando por feito que eu era votante do PSOE, cousa que é absolutamente falsa. Para esta persoa, o concepto “ser de izquierdas”, como ela dicía, funcionaba como unha idea en bloque, e servíalle para prever punto por punto o que ías opinar sobre cada tema. Equivocábase de cabo a rabo, claro.

O que implica as Ideas en Bloque é o ben que fan o seu traballo os medios de comunicación, sentando un estándar ideolóxico, que por suposto podes non seguir, pero que está aí como medida do razonable e moderado. As disensións respecto do estándar son doadamente encadradas nun dos Bloques. Aforro enerxético, que se chama.