Hai un par de anos vin a Banda Bassotti en directo. Pasoume como noutras ocasións, que entrei porque me gustaban medianamente e saín absolutamente fan. De feito, entendín que o meu camiño vital estaba errado e que o que en realidade quería facer era tocar nesa banda. Non sei se sería capaz de pegar os chimpos que pegan eles termando do saxo, pero todo consiste en ximnasio e vontade.
O caso é que o meu tamaño é un handicap para ser fan de Banda Bassotti, sentinme como se no concerto houbera un sinal ao estilo dos parques de atraccións “para subir tes que ser así de alta”. E eu non daba, claro. Así que alí me vin, no medio dun montón de rapazolos enormes tipo red skin (algún día falarei da teoría que temos sobre a homosexualidade reprimida que destila o rollo skin) desfrutando mogollón do concerto pero temendo seriamente pola miña integridade física no medio dun pogo descontrolado. Especialmente cando o colega que tiña ao lado (e que tampouco chegaba á marca do sinal) saíu literalmente propulsado polos aires.
Pero o que realmente pasou non foi que os punkies estes fixeran batido de Raíña, que era o que me estaba temendo, senón que, cando aquilo se puxo particularmente violento (e gay) con tódolos mozotes sen camiseta empurrándose os uns aos outros, deixei de tocar o chan cos pes e fun delicadamente depositada por varias mans nunha marxe da pista. E xuraría que incluso alguén me colocou o pelo.
Dende alquela gárdolle particular aprezo a Banda Bassotti e aos seus groupies, non só porque me perdoaron a vida, senón porque se lles nota o bo rollo que desprenden. Por iso tamén me parece particularmente inxusto todo isto que está a acontecer. Así que xa sabedes, rapaces: se precisades outro saxo tenor pensade en min. Porfa.