Archive for Maio, 2008

Hai un par de anos vin a Banda Bassotti en directo. Pasoume como noutras ocasións, que entrei porque me gustaban medianamente e saín absolutamente fan. De feito, entendín que o meu camiño vital estaba errado e que o que en realidade quería facer era tocar nesa banda. Non sei se sería capaz de pegar os chimpos que pegan eles termando do saxo, pero todo consiste en ximnasio e vontade.
O caso é que o meu tamaño é un handicap para ser fan de Banda Bassotti, sentinme como se no concerto houbera un sinal ao estilo dos parques de atraccións “para subir tes que ser así de alta”. E eu non daba, claro. Así que alí me vin, no medio dun montón de rapazolos enormes tipo red skin (algún día falarei da teoría que temos sobre a homosexualidade reprimida que destila o rollo skin) desfrutando mogollón do concerto pero temendo seriamente pola miña integridade física no medio dun pogo descontrolado. Especialmente cando o colega que tiña ao lado (e que tampouco chegaba á marca do sinal) saíu literalmente propulsado polos aires.
Pero o que realmente pasou non foi que os punkies estes fixeran batido de Raíña, que era o que me estaba temendo, senón que, cando aquilo se puxo particularmente violento (e gay) con tódolos mozotes sen camiseta empurrándose os uns aos outros, deixei de tocar o chan cos pes e fun delicadamente depositada por varias mans nunha marxe da pista. E xuraría que incluso alguén me colocou o pelo.
Dende alquela gárdolle particular aprezo a Banda Bassotti e aos seus groupies, non só porque me perdoaron a vida, senón porque se lles nota o bo rollo que desprenden. Por iso tamén me parece particularmente inxusto todo isto que está a acontecer. Así que xa sabedes, rapaces: se precisades outro saxo tenor pensade en min. Porfa.

Esta é a resposta ao comentario de Ima no post de Identidade. E como penso que o celme do blogomillo son os comentarios (e que este ademáis ten calidade case que literaria), póñoo tamén, a risco de que quede un pouco longo.

Supoño que os erros no sistema acaban por ser os que nos conectan coa realidade, os q nos alertan de que nada é como o vivimos dentro da nosa cabeza. A min moito me intriga se realmente dá igual o que somos pra nós porque só somos aos ollos d@s demais, das que están fóra e nos ven, nos reciben. O certo é cada vez vexo máis distantes esas dúas dimensións, máis incomunicadas, até o punto de andar cavilando se poderiamos levar por dentro algo totalmente distinto ao que se ve, se se perden cousas nese tránsito do sistema nervioso ao movemento. “seino pero non o explicar”, terá sentido esta afirmación?
E despois esta, se admitimos q somos a partes iguais o q pensamos e como nos pensan, se cambia como nos ven, cambiamos nós? Se cadra si, ás veces penso q si, q é igual ca se un día nos levantamos e nos vestimos de mods, heavies, hippies ou pij@s… acabariamolo sendo, tarde ou cedo… a imaxe, a representación, acaba por conformarnos… ou non?

Cando era moi moi pequena (tampouco é que agora sexa moi grande), a unha idade na que os libros din que os nenos non distinguen aos demais de si mesmos, eu tiña unha sensación moi vívida, que pasou a ser un dos escasísimos recordos que teño desa época: a estrañeza por ser eu mesma. Non eu-eu, senón a estrañeza por ter uha identidade propia e diferenciada, que era esta pero que a min me parecía (igual porque moito non a distinguía aínda, a ver se van ter razón os libros) que podería ser perfectamente calquera outra. Estaba tendo consciencia da privacidade do meu propio pensamento, de que pasaban cousas dentro da miña cabeza que ninguén mais podía coñecer. E parecíame rarísimo.

Anos despois, con trece ou catorce, ocorreume unha cousa moi estraña que tamén lembro con nitidez. En realidade, como ocorrer ocorrer non ocorría nada. Eu estaba gardando unha pila de toallas limpas no armario do meu cuarto. E nese intre tiven unha conciencia estrema de todo (a luz, a temperatura, o tacto das toallas e o olor do cuarto, o pelo diante dos ollos, as cores…) e de min mesma, como un eco amplificado desa sensación de cando era nena.

Agora sei que moi probablemente foi un chute a destempo de dopamina, unha excitación neuronal sen un estímulo externo que a provocara, que cargou de significado emocional un intre que debía ser neutro.

Non sei se isto contesta ao que formula Ima, probablemente non, pero o meu propio concepto de identidade pivota sobre esas dúas vivencias.

P.D: estaba escoitando isto mentras escribía, e encaixaba estrañamente, así que aló vai. Cortesía do Sak, compañeiro dalgunhas farras memorables.