No principio, foi a dopamina. O pó máxico que convirte os feitos en recordos. Suavízaos, desdebúxaos, destácaos. A outra cara da moeda, os lentes a través das que vemos a realidade. Se os teus pensamentos soan, como podes saber que son teus? Os circuitos neuronais como as curvas dunha estrada. Como un novelo de fío finísimo que nos contén. O fío da vida. Cando te recoñeces no espello, algo muda. O teu corpo como unha marioneta. Só tes que pensalo e móvese.
Se tiveras os ollos doutra cor, seguirías sendo ti? E se naceras noutro lugar? Nunca saberemos o que sucedeu antes de recoñecernos no espello. O equilibrio entre moléculas e receptores determínanos. Un erro, un exceso, e diluiríamonos. Non saber que vives é como non existir.
A música das esferas, a música dos neurotransmisores. Millóns de quilómetros para ler tres notas. A cada paso, unha perda irreparable. Alonxámonos do comezo deixando unha estela de recordos. Tiveches algunha vez un déjà vu, un erro no sistema?