Voulle dar a réplica á Rapaza do Arco, que é un xeito fino de dicir que lle vou copiar o post. Pero é que realmente o acontecemento pictórico-blogomilleiro-cultureta da semana foi a exposición dos cadros de Gus en Neda, na Casa das Palmeiras, un espazo xa de por sí persoal
para unha pintura mais persoal aínda
Non entendo moito de arte contemporánea, para iso invito a dar a opinión de experta á telescopeira do tellado. Son das típicas que din que a arte, sinxelamente, gústame ou non me gusta. E a de Gus gustoume moito. Gustoume porque son deses cadros de dixestión lenta, que che van producindo sensacións secuenciais cando os ves, cando os miras mais atentamente, cando chegas á casa, cando soñas con eles (teño tendencia a soñar con figuras xeométricas ou patróns repetidos, como as pezas de puzzle ou o tetris, e soñei esa noite cos deseños especulares de Gus. Significará algo, Doutora Seymour?).
En primeiro lugar, os fermosos deseños xeométricos, que sempre me producen un aquel de tranquilidade, pola repetición e a simetría, dúas características que o cerebro humano identifica coa beleza. Un pouco mais de perto, as texturas, o que subxace de irregular baixo a orde aparente, o que só chegamos a albiscar a través da superficie. Un pouco mais tarde, as pátinas, as enrugas, as marcas do tempo. Durmida, os labirintos, os espazos en branco que deixan as cores, os camiños intrincados. Supoño que dalgún xeito sentinme identificada.
Gus logrou algo na miña opinión moi difícil: que algo aparentemente sereno e agradable á vista produza tamén, ademáis de placer estético, desacougo. Revolver algo na mente do espectador, cousa que non toda a arte, contemporánea ou non, consegue.
Tamén hai que dicir que Sergio74 nolo puxo doado para meternos en materia, cunha pinchada absolutamente evocadora que reforzaba a sensación dos cadros, pero que tamén ten valor en sí mesma, como puiden comprobar estes días, cando se converteu na miña música de estudar. E ademáis Gus e Sergio son o electropincha e o pintor mais ghuapos de Ferrolterra, de lonxe. He dicho :p