Estes días escoitei ou lin varias referencias a Bertrand Russell sen relación entre si. Así que cando cheguei á casa, busquei a miña vella libreta, antecesora deste blog, para reler o que escribín despois de ler “Por que son ateo”. O libro é un debate dialéctico e filosófico sobre a posibilidade ou non da existencia de deus, no que, obviamente, Russell leva tódalas de gañar. Non se pode demostrar que deus non existe (tampouco que non existan os deuses homéricos, como el di) pero os argumentos a favor quédanse bastante coxos.

Aínda que no libro, Russell fala dende a lóxica e non se remite a argumentos éticos, o que distingue a un ateo dun agnóstico é precisamente a ética. Russell é ateo (e non sinxelamente “non cristián” como di a terrible tradución ao español) porque non está dacordo eticamente coa relixión.

Dende o punto de vista dun racionalista coma Bertrand, a existencia dun ser superior ((omnisciente omnipotente e tal) é imposible de falsar, e polo tanto non nos gusta. Non nos gusta porque nos remite a unha cuestión puramente emocional, ao creo porque é absurdo de Tertuliano, que como científicos non nos gusta pero nada de nada. Dende o punto de vista racionalista russelliano, da pouco mais ou menos igual crer en deus que en extraterrestres ou gnomos, a efectos de demostrabilidade.

Pero isto non nos convirte en ate@s. A convición de que non se pode probar mediante a lóxica a existencia de deus é o que defende o agnosticismo. Ir un paso mais aló depende exclusivamente dunha cuestión moral. A pregunta xa non é se existe deus, senón se é desexable semellante cousa. É desexable un ser superior? É beneficioso para o ser humano a crenza nun ser superior, tendo en conta que esta crenza é inverificable e incontrastable? Bertrand e mais eu pensamos que non. Que nin de coña.

En primeiro lugar, crer en cousas que non se poden demostrar chámase superstición. Unha persoa disposta a crer sen meter o dedo na chaga (atea si, pero con lecturas bíblicas, faltaría mais) é unha persoa facilmente manipulable, porque non segue o seu propio criterio. E as relixións nútrense sempre de xente facilmente manipulable. Ademais, se cres en deus sen probas, tamén tes que crer sen probas no que a deus lle gusta ou non lle gusta, e aí xa nos metemos no segundo tema: vas deixar que outras persoa che digan como tes que vivir.

Por outra banda, crer no premio e no castigo da vida eterna é un magnífico antídoto contra as revoltas, as revolucións, as rebelións. Se estás fatal aquí, xa se che compensará, non fai falla que te tomes a molestia de mudar as cousas. Se alguén actúa de xeito inxusto, será castigado, pero entrementres está a comerse a túa colleita (non falo agora da Idade Media, falo da receita máxica da Igrexa para a situación en América do Sur: chamar aos campesiños á resignación e aos terratenentes á caridade cristiá).

Por último, Russell da un argumento ético de peso: Xesús de Nazareth deixa claro que cre no Inferno, na condenación eterna. Nin Bertrand nin eu podemos aceptar eticamente que se nos xulgue, se nos condene e se faga churrascada con nós. Non só porque claramente tanto a el como a min nos toca ser braseado, senón porque non lle desexaríamos sofremento eterno nin ao noso peor inimigo. O Inferno cristián non permite rectificar nin aprender dos erros, e iso para un científico tamén é difícil de tragar.