Esta semana merquei unha revista de cine que traía un especial DVD, e xa que son unha consumidora habitual de pelis, boteille unha ollada con especial atención. Ademáis de varias cousas que me apetecían, como un megapack de Blade Runner con tódalas montaxes habidas e por haber, remasterizado, reeditado e remozado, atopei un par de artigos, digamos, teóricos, sobre o tema. O tema do DVD, que a min parecíame que non tiña moita miga (non creo que haxa nostálxicos do VHS). Pois semella que si, porque un fulano conseguiu encher unha doble páxina coas súas sesudas reflexións.

Se entendín ben, o tipiño viña a dicir que o DVD significa a morte, ou polo menos a deturpación, do cinema moito mais do que o foi o VHS (!!!!) Porque o VHS é malo e perecedeiro, e ti es consciente de que o que estás vendo non é cinema, senón unha mala imitación, pero o DVD vende a ilusión da copia fidedigna.

La propia condición del DVD como repetidor insaciable de imágenes distintas en su aparente uniformidad son uno de los instrumentos preferidos de control del nuevo poder virtual, una idea de vigilancia que Foucault nunca llegó a imaginar.” (Hai xente que ten que citar a Foucault alomenos unha vez en cada texto, non o notáchedes?).

A tese, en definitiva, é que o DVD é perverso porque non é o orixinal, e polo tanto non é cinema, pero a industria fainos pensar que si, cando en realidade a esencia do cinema é o pase único. Tamén fai referencia, no mesmo artigo, ás reproducións artísticas como algo industrial, feito en serie, ao modo de Zara ou Ikea.

Non sei, eu pensei que a esencia do cinema, se é que tal cousa existe, é precisamente que o seu soporte permite a reproductibilidade, tanto temporal como física, pasar a cinta moitas veces ou facer moitas copias da mesma cinta. Cal das cintas, se falamos de película no sentido estricto, é “a orixinal”? Ningunha das que ningún de nós vimos nunca na nosa vida ao ir ao cinema, e non por iso consideramos que sexa “falso”. Ten iso sentido unha vez que a “película” non existe e a copia é dixital? Se a cinta orixinal está deteriorada, segue a ser orixinal?

Ponme un pouco dos nervios este tipo de reflexións pseudointelectuais de xente á que lle mandan encher dúas páxinas falando dalgo tan pouco atractivo como o DVD. En primerio lugar, porque no fondo, aínda que citen a Foucault e falen da perversa política capitalista na que nos vemos inmersos, destilan un inconfundible tufo elitista e clasista. Porque o que ven a dicir este señor é que lle fastidia moito que calquera, calquera currito, calquera de nós, calquera non intelectual poda ter acceso ao cinema, poda ver calquera peli e incluso facerse unha filmoteca propia e decente, porque o formato o permite, porque a copia é idéntica e infinita e reproductible e pirateable e descargable. Acabouse a elite dos que tiñan un proxector e unha pantalla na casa, calquera podería ser Garci (dios no lo quiera).

En segundo lugar, porque se percibe unha resistencia reaccionaria ao cambio, aínda que sexa para mellor, unha resistencia a que as cousas deixen de ser como sempre foron. Porque dicir que o DVD é peor (peor moralmente, ollo) que o VHS é unha cuestión de fe. En terceiro lugar, porque tanto falar da experiencia auténtica, e sempre se esquecen de que a experincia é que o cine pasou en poucos anos de custar cincocentas pesetas a custar SEIS EUROS, o que fai que, co que custan dúas entradas, merques o DVD cando pase a serie media.

O cinema naceu como un entretemento da clase baixa, pero como o jazz, como todo o que ten certo valor, sempre hai un grupo diposto a facer del un corpus de coñecemento inaccesible aos non iniciados. A ser posible, non accesible físicamente. Non todo o mundo vai ser un experto en cine, ou non todo o mundo vai ter un interese artístico nel, fóra do mero entretemento, pero o caso é que agora calquera ten acceso, se quere, a case calquera cousa, ao director mais descoñecido e ao mais de culto. E claro, semella que proe que a caixeira do súper saiba quen é Bergman.