Un outono sen Cineuropa é menos outono. Este ano o outono retrasouse, e Cineuropa tamén, pero todo chega, o frío, as chuvias torrenciais e os festivais de cine.

Non sei cantos de vós sodes fieis das colas, con bono, bocata e asistencia ao maratón alomenos unha vez, pero seguro que entre os que o sodes tedes mais ou menos a mesma sensación ca min: ás veces saimos decepcionados pero seguimos ao pé do cañón, ano tras ano. O mellor e o peor de Cineuropa é que nunca sabes que vas ver, a pesar das sinopses, recomendacións, fama do director, etc. Eu vou refinando o meu método de escolla, pero aínda así sigo levando sorpresas, agradables e desagradables, case con cada filme. Son a única que pensa que os resumos non son nada representativos? Ás veces nin tan sequera teñen que ver coa trama!

No meu estudado e perfecionado método para administrar o bono contan certas variables:
a) os horarios. Por que hai películas que pasan cinco veces e outras dúas?
b) os colegas: sempre mellor acompañada, aínda que tamén me gusta ir soa.
c) vana botar no cine despois? Mellor darlles preferencia ás que penso que non vou poder ver.
d) os clásicos: reservo un oco para velas en pantalla grande. Esta última é a aposta ao cabalo gañador, aquí si que sabes exactamente o que vas ver.
e) as salas: a aula de cultura foi todo un descobremento, e o Principal sempre mellor que o Salón Teatro. O teu cu agradecerao.

Así que fago as miñas quinielas, saco unha ecuación de segundo grao, substitúo e despexo X, e alá me vou, e aínda así nunca sei que vou ver.

Despois, isto dos festivais ten outra vertente: o rollito social. Deixarse ver por Cineuropa sempre lle da a unha certa pátina de persoa culta e interesante. Canto disto e canto de cinefilia hai no patio de butacas é unha das grandes preguntas. Moitas veces escoitei argumentos do tipo de: o Principal está ata a bandeira, pero despois esa mesma peli póñena no cine e hai cinco persoas. Aínda aceptando que o postureo sexa unha poderosa razón para gastarse os dous exiguos euros da entrada, eu creo que hai outra razón: o festival crea un hábito, tes o teu programa e xa sabes que ese mes tes que facer oco na túa rutina. Do outro xeito, ás veces sinxelamente pásaseche.

Algo de todo haberá, supoño, pero sigo pensando que é positivo que se encha un cine, sexa pola razón, mais ou menos pura e virtuosa, que sexa. Ademáis, a min tamén me gusta facer vida social.