Xa me tardaba a min un meme!! Encántanme os memes e este da a posibilidade de falar do que queiras! En certo modo, é o anti-meme, porque non pregunta nada. Un pouco freudiano, non si, Besbe? Ti sinxelamente daslle a volta á cadeira e disnos: “asocie libremente vostede, por favor”.

Pois xa que nos poñemos freudianos, vouvos contar os oito momentos máis penosos da miña vida, a modo de exorcismo. Que se non, despois soñas con eles e espertas berrando e suando frío.

1. Explicarlle aos teus veciños, con oito anos, por que non fas a primeira comuñón.

2. Suspender catro veces o exame de conducir porque es incapaz de distinguir a dereita da esquerda (en calquera contexto que non sexa o político).

3.Desmaiarme e rematar tirada no chan, coa saia arredor da cintura… e en panties!!!!! Esa prenda do diaño, que NUNCA debería verse.

4. Tratar de abrir o coche durante media hora, ata que un tipo se achega e che pregunta que fas tratando de abrir o seu coche.

5. Que a túa nai conte diante dos teus colegas, tirados de risa polo chan, as túas anecdotas de nena repelente.

6. Atascar un tacón (stiletto, negro, sete centímetros) nunha alcantarilla e tratar de sacalo descalza no chan, no medio do diluvio universal, parte II.

7. Regalarlle a alguén o Kalevala (bilingüe) e ver a súa cara de profundo desconcerto (e ademais sabía o que era. Por iso a cara de desconcerto).

8. Que o busero che pregunte “escolar, verdade?” cando xa remataches a carreira (vai por nós, Arale)

Isto vai para Arale, o Moucho, o Pastor, o Gato Violeta, a Fada, Occam, CCCP, e AK77. Xa sabedes, tedes que facer unha lista de oito cousas, as que queirades. Ánimo!!