O outro día discutín bastante acaloradamente cunha persoa coa que traballo sobre a responsabilidade individual nas nosas vidas. O caso é que, mentres discutía, eu mesma era consciente de non estar de todo dacordo conmigo mesma, o cal é unha sensación do mais desagradable. Deixarme levar pola dialéctica e acantonarme no meu fortín posicional é algo que evito coidadosamente facer, pero ese día, polo que fose, saiume así. Coido que era mais que non estaba dacordo co como que co que do que estabamos falando.

A cousa comezou porque saiu unha noticia segundo a cal determinadas enfermidades non van ser cubertas pola sanidade pública británica. Se tes cancro de pulmón porque fumas, ou unha fractura de cadeira porque estás obes@, a culpa é túa e ti corres co gasto. A cousa en sí é absolutamente monstruosa, e non por apelar a conceptos como “culpa” senón porque é un paso claro cara a privatización, disfrazado do que queiran, e porque recorre ao peor das persoas, a ese sentimento de “eu non teño por que pagar polas enfermidades dos demais” (argumento, por certo, que tamén se escoitou dende as filas pepeiras para opoñerse ás operacións de cambio de sexo subvencionadas)

Pero á marxe disto, a idea de que cada un debe ser responsable dos seus actos e responder das súas consecuencias é algo que eu tamén defendín, noutras discusións. Entón, que opino realmente? Sobre o tema concreto, rotundamente non, pero en abstracto, sen impostos de por medio, xa é mais complicado. Alguén que ten obesidade, é culpable de tela? Ou un adicto a drogas? Podes pensar que hai condicionantes sociais, que a comida é cada vez de peor calidade ou que a política sobre droga está impregnada dunha noxenta doble moral, pero aínda así, hai unha parte que cae dentro da mais pura vontade persoal. Se eu manteño a raia os meus quilos e non como donuts, calquera pode facelo.

O problema é que conceptos como “responsabilidade” foron tan sobados e malempregados pola dereita, que agora é difícil utilizalos sen que soen chungos e reaccionarios. Por suposto, eu nunca falaría de “culpa”, que cheira demasiado a xudeo-cristián, e non me van pillar nesas. Responsabilidade é o mesmo que dicir “liberdade individual”. E ata onde chega esa liberdade e ata onde estamos abocad@s irremediablemente a comer no McDonald´s ou a fumar? O argumento de “eu non o fago” tampouco me parece que sexa moi útil.

Así que agora non sei se prefiro sentirme como unha fascista reaccionaria por pensar que algo de culpa (ui!) si que temos, ou se quedarme coa sensación de que defendín airadamente algo que non penso, ou alomenos non tan radicalmente. Alguén que fume, por favor, que me diga se é unnha decisión libre ou se se sentiu terriblemente presionado pola sociedade 😉