Estou do mais artística esta tempada, como unha especie de desarranxo hormonal polo cambio de estación. Supoño que o verán indúcenos a tod@s un estado de frivolidade, e agora volvo ás reflexións habituais.

O caso é que esta vena artística ven tinguida dun certo sentimento de culpa, porque co que ando ás voltas é co Art Noveau, os traballos publicitarios de Mucha e con Tamara de Lempicka. Unha obra de arte debe ser xulgada polas súas connotacións ideolóxicas? Por suposto, coñecelas da unha visión mais completa, o que nunca sobra. Tampouco son eu das que opinan que a arte é algo pendurado no medio do baleiro, que debe ser aprezado sen atender ás pretensións do artista. A visión do artista non é a única posible (a Arqueira me remito) pero é un punto de vista a ter en conta.

No caso de Tamara, a min gústame porque fago unha lectura feminista da súa obra, pero non perdo de vista as súas simpatías pro-nazis e o feito de que foi unha trepa interesada só en medrar socialmente. Nin sequera sei se era dalgún xeito feminista, o caso é que retratou un tipo de muller forte e independiente que pode ser entendido nese aspecto.

Co Art Noveau o problema é mais sutil. Trátase dun estilo inscrito de cheo na dinámica capitalista, creado por e para a burguesía, e que da as primeiras mostras artísticas da publicidade. Pero por outra banda, tamén é un xeito de opoñerse a un estilo recargado, ostentoso e excesivo, e nese sentido tamén foi profundamente antiburgués. Cando a clase media cobría cada centímetro con telas, tapices e tapetes, o Art Decó propoñía a sobriedade dos espazos, os obxectos estrictamente necesarios e fermosos por si mesmos. Un minimal avant la letre.

Aínda que poida aprezar todas estas cuestións, e incluso discutir de xeito teórico, recoñezo que á hora da verdade, para min a arte é como namorar: namoras ou non, e igual non da persoa mais indicada. Lempicka non é en absoluto recomendable como compaña, e estou segura de que, se a coñecera, estaría na lista de xente á que esganaría sen remordementos. Pero a Lady in Green ten algo que conecta profundamente comigo.