Aquí estou de novo. Por un intre pensáchedes que non ía voltar, verdade? Que me quedaba para sempre do lado soleado do espello? Pois moi soleado non foi, a verdade, eu que pretendía ter uns días de sol e despatarre.

A parte boa (sempre a hai) é que así adiqueime a estar cos amigos (blogomilleiros e non blogomilleiros), ler best-sellers, recuperar vellos vicios e sucumbir aos de sempre, ver algunha peli, ir a algún concerto, cambiar certas cousas (nada trascendente, cuestións loxísticas) e deixar outras (as importantes) como están.

Polo menos non quedei con esa sensación que ás veces me deixan os día libres, de que non os aproveitei como é debido. Pode un estresarse por estar de vacacións? O que si que non teño de ningún xeito é síndrome postvacacional. Está ben iso de cambiar de aires e durmir ata tarde, pero cando volto ao día a día, teño a impresión de que todo volve ao seu sitio, todo volve estar ordenadiño e normal (son un pouco obsesiva, por se non vos decatarades).

Xa vin que non vos limitáchedes a regarme as flores parlantes, senón que ata teño comentarios! Moitas grazas pola fidelidade, e por manter ese clásico da volta de vacacións: o buzón desbordando. Por sorte, neste caso non son facturas;) Agora só falta o cartón de leite podre na neveira e será unha volta á casa con tódalas da lei.