Xa sabedes que teño unha personalidade fortemente adictiva, que por sorte vou controlando a base de engancharme a cousas mais ou menos inocuas (por certo, vovín ao café, é superior a min). Ademais das adiccións de base, na miña politoxicomanía entrou ultimamente Hellsing, amablemente suministrada polo Pastor, que me sabe as filias. É que este anime teno todo: sangue, armas mutilantes, vampiros, resonancias lovecraftianas e filosofía anticatólica (aínda que sexa porque son protestantes, pero en fin) ademáis de atractivas criaturas indestructibles e personaxes femininos de armas (como non podía ser menos) tomar.

Non me vou estender no argumento porque é destripalo e porque ben fantásticamente explicado na Wikipedia, senón na miña particular recepción do tema. Nas historias de vampiros sempre hai, e Hellsing tamén o recolle, certa ambigüidade con respecto ao papel da relixión en toda a historia. Por unha banda semella funcionar como unha especie de escudo protector, pero por outra hai algo escuro na relación dos vampiros co sagrado: só poden descansar en terra consagrada, os cadaleitos, etc. Aquí non se fai un fincapé excesivo nisto, pero para compensar aparece (o mellor da serie) a tenebrosa organización Iscariote XIII, brazo armado do Vaticano que se adica, ao igual que Hellsing, a matar non-mortos, pero coa que manteñen unha tensa rivalidade. En esencia, Iscariote parece arrogarse o dereito exclusivo de matar vampiros, incluídos os que traballan para Hellsing. Unha visión un tanto simplista pero moi significativa da actitude da Igrexa Católica.

Outra das constantes das historias de vampiros que da para unha tese (de feito, seguro que as hai) é o tema da sexualidade. En Hellsing a cousa está latente por todas partes, dun xeito moi particular ademáis. Temos as clásicas asociacións eróticas da mordida, das vampiresas sexys, pero ademáis o tratamento das personaxes femininas inclúe un novo matiz. A xefa da organización Hellsing, lady Integra, resulta ser unha muller, pero unha muller vestida de home a tódolos efectos, e con actitudes que encaixan máis ben nos roles masculinos típicos, pero que se fai estrañamente atractiva e que posúe un certo aire de dominatrix, suliñado polo feito de que o personaxe principal, Alucard, a chame “ama”. En realidade, sobre toda a serie flota unha atmósfera de sensualidade sádica, que se materializa de cando en vez en pequenos detalles deste tipo.

A outra muller que constitúe un eixo para a trama, a neovampira Victoria, tamén parece ter algún tipo de conflicto sexual, que se manifesta na súa negativa a beber sangue, o que a vai debilitando progresivamente, ademáis de manter con Alucard a mesma relación de dominación que el mantén con Integra. Total, todo un xogo de temas freudianos servidos quentes e regados abondosamente con sangue.

P.D: insto aos fans de Hellblazer (sinaladamente Arale e Aylandra) a que aporten a súa visión sobre o tema vampírico-relixioso.